Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Mondoñedo denuncia que o goberno municipal obstaculiza a súa labor de oposición

Mondoñedo, 22 de marzo do 2018. Ante o atraso con que o goberno municipal permite o acceso á documentación formalmente solicitada polo BNG no concello, os nacionalistas acusan ao goberno de Elena Candia de obstaculizar a súa correcta labor de fiscalización e control do goberno municipal.
O portavoz do BNG no concello de Mondoñedo, Eloi Cabanas aclara que o seu grupo ten pendente documentación desde fai máis de un mes, “é moi difícil exercer a nosa tarefa en condicións cando a información non chega ou chega tarde e sospeitamos que as cousas non se están facendo de todo ben, de aí o atraso na entrega da documentación”.
“Facturas, expedientes sancionadores e requirimentos da fiscalía e da valedora do pobo en cuestións relativas á explotación mineira As Revas en Santa María Maior, informes técnicos, notificacións ou o protocolo de colaboración asinado entre o concello e a mercantil Hipólito S.L para a cesión de terreos en San Lázaro son, entre outros, exemplos da información que xa se nos tiña que ter facilitado e aínda estamos esperando” apunta.
-NOVA RECLAMACIÓN PARA ACCEDER Á DOCUMENTACIÓN SOLICITADA-
O BNG rexistrou un novo escrito no concello no que solicita, tendo en conta o Regulamento de Organización e Funcionamento das Entidades Locais, acceso á documentación pendente xa que segundo o voceiro nacionalista a alcaldesa non cumpre a normativa do ROF que é esencial para o funcionamento democrático da corporación. Cabanas explica que “o dereito de acceso a información non se nos pode negar salvo causa debidamente xustificada e en caso de que no prazo de 5 días non se dite resolución denegatoria debidamente xustificada, a petición de acceso a información entenderase concedida por silencio administrativo”, “isto non se está cumprindo” conclúe.

Exit mobile version