Site icon Crónica3.com A Mariña

O concelleiro de obras, Ramiro Fernández Rey, asegura que o PP non se entera do que pasa en Burela e acúsao de facer política tóxica

Burela, 15 de marzo de 2018. O concelleiro de Obras, Ramiro Fernández Rey, asegura que o PP non se enterra do que ocorre en Burela e acúsao de facer política rastreira e tóxica. O edil socialista asegura que as fotos do porto xa foron retiradas, que o alumeado do Perdouro xa foi arranxado e que en breve van comezar as obras de asfaltado integral nas inmediacións da estación de autobuses de Burela.
Ramiro Fernández dixo: “desde o equipo de goberno do Concello de Burela nos vemos obrigados a saír ao paso das críticas vertidas ultimamente polo Partido Popular. Denunciar que a oposición que está facendo o PP é unha política barrio baixeira e rastreira, que non beneficia para nada aos veciños de Burela, e demostran que non se enteran do que está pasando no pobo, non se enteran das obras que se fan nin dos proxectos que hai para o futuro”.
O edil burelés sinalou que “falando do estado das inmediacións da estación de autobuses, que efectivamente está en mal estado, pero si se enteraran e traballaran un pouco poderían comprobar que xa hai un proxecto feito por parte do equipo de goberno para asfaltar toda esa zona. Non imos poñer parches, como se poñían na época do goberno do Partido Popular, senón que imos facer un asfaltado integral de toda esa zona, xa que somos conscientes de que evidentemente agora mesmo está nun estado no que non debe estar”.
Fernández Rey contou que “estamos esperando aos trámites administrativos para poder sacar a licitación esta obra. É unha obra que supera os 30.000 euros. Imos aproveitar o remanente do Plan Único da Deputación do ano pasado, que son 17.000 euros, e o resto imos meter fondos propios do Concello para acometer unha obra, que efectivamente é moi necesaria”.
O concelleiro de Obras manifestou: “con respecto a outras das críticas que nos fan sobre unhas fotos que había colocadas no peirao, e que efectivamente estaban en mal estado, xa se lles dixo no pleno que se ían retirar esas fotos, e volven outra vez coas fotos cando hai xa dúas semanas que están retiradas. Isto demostra que o Partido Popular non se entera do que pasa en Burela. É difícil facer a oposición desde Lugo, e eu penso que esta política é tóxica porque están tentando enganar aos veciños e enganarse eles mesmos, xa que como digo hai dúas semanas que non están esas fotos”.
Fernández Rey engadiu que “sobre a iluminación de entrada a Burela, que tamén é unha crítica que nos fan, estamos falando de que hai practicamente dous meses que está solucionado ese problema. A iluminación agora mesmo é a que había cando se foron eles do goberno. Non entendemos cal pode ser a crítica xa que repararamos as luces fundidas ao día seguinte do pleno, co cal non entendemos esta crítica e séguese demostrando que o Partido Popular non se entera do que está pasando en Burela”.
O concelleiro socialista declarou que “respecto a que o equipo de goberno apareza nas manifestacións coas pancartas, efectivamente o equipo de goberno de Burela está preocupado polas preocupacións que teñen os veciños de Burela e así as defende, como pode ser a sanidade pública ou as infraestruturas que están unindo á Mariña. Calquera que vaia dar un paseo desde Foz ata Viveiro pode ver o estado lamentable no que temos as comunicacións, e efectivamente o equipo de goberno defende que se amañen esas infraestruturas, como non pode ser doutra maneira, velando sempre polo interese dos veciños de Burela”.
Ramiro Fernández recoméndalle ao Partido Popular que “faga unha política de crítica construtiva, de crítica para axudar aos veciños e veciñas de Burela, para axudar ao equipo de goberno tamén nas cousas que fai mal a melloralas, que deixe a un lado a política rastreira, a política tóxica, que eu penso que non é bo para o Partido Popular, preocúpanos pouco que sexa malo para eles, pero si que é malo para os veciños de Burela e diso si que estamos moi preocupados”.

Exit mobile version