Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela recibiu a nova trituradora que se instalará na Edar. Os traballos darán comezo cando deixe de chover

Burela, 20 de marzo de 2018. O Concello xa recibiu a nova trituradora que se instalará na Edar. Estes traballos acometeranse cando deixe de chover, segundo o alcalde, Alfredo Llano.

O rexedor lembrou que “xa tíñamos pensado hai tempo colocar unha nova trituradora na Edar de Burela dado que ás veces, cando entraba en carga derivado da grande cantidade de auga que caía, producía problemas na zona”.

Llano anunciou que “o que imos facer agora é instalar unha segunda trituradora, que complementa á outra que xa existe, e entre as dúas consideramos que darán fluidez e solucionarán moitos problemas derivados da grande cantidade de choiva que pode caer nun instante”.

O alcalde burelés explicou que “non se fixo antes precisamente por tanta choiva que houbo estes días. Os pozos onde se quere colocar estaban inundados e ata que pare esta choiva, que esperemos que esta semana que ven xa se poida facer, imos colocar a segunda trituradora, que é un motor específico que houbo que traer desde fora para poder instalar na nova Edar”.

Alfredo Llano manifestou que “con este novo servizo xa dalgunha maneira tivo que notarse todo o que se fixo este ano e o ano pasado de limpeza nos sumidoiros e nas canalizacións, e incluso no río, porque non houbo tanto problema como noutras épocas”.

O rexedor engadiu: “consideramos que é fundamental, mentres non se coloque a Edar nova que está agora mesmo en proxecto, esta nova trituradora ven facilitar que non exista tanto problema como viña habendo”.

Exit mobile version