Tal e como recordou o alcalde, Alfonso Villares, a obra contou cun orzamento de 31.794,32 euros, e en concreto a actuación consistiu “na retirada do vello pavimento do parque que se foi degradando debido á gran afluencia de pequenos, que foi substituído por un novo piso sintético continuo de acordo coa normativa de seguridade e que garante a protección dos nenos ante posibles caídas”.
Ademais, tamén se fixo unha limpeza e pintado integral de todo o recinto, e repuxéronse diferentes pezas da zona de xogos; polo que, desde hoxe “os usuarios poderán desfrutar dunha instalación completamente mellorada e renovada, e moito máis funcional”.
Villares apuntou que foi unha actuación importante e necesaria porque “esta é unha zona moi frecuentada polas familias do noso Concello, un centro de reunión para os máis pequenos da casa en pleno centro de San Cibrao, no que desfrutan do seu tempo de ocio ao tempo que socializan con outros nenos”.