Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo porá á venda polo procedemento de poxa dous inmobles no casco vello

IMG_0591Ribadeo, 5 de marzo de 2018. O Concello pon á venda os inmobles 2 e 4 da rúa Bispo Veres dos que é titular despois de que os descendentes dos herdeiros se desentendesen da propiedade. Os edificios, que se atopan en estado ruinoso, ocupan unha superficie construída de 700 metros cadrados e sairán a poxa por 134.000 euros máis IVE. Unha vez que se publique esta convocatoria no BOP, as persoas interesadas disporán de 20 días para presentar as súas ofertas. O obxectivo do Concello é que eses inmobles se restauren.
O alcalde, Fernando Suárez, comentou que “foi esta unha situación curiosa nestes dous inmobles da rúa Bispo Veres, os números 2 e 4, que estaban en moi mal estado. Realmente levaban moitísimos anos en moi mal estado e o que nos atopamos no seu momento foi que os supostos herdeiros ou os descendentes dos que figuraban no catastro desentendéronse da situación manifestando que non eran herdeiros. De aí que o Concello, ao non ser de ninguén, iniciou os trámites de inmatriculación, é dicir, de poñelo a nome do Concello. Isto finalmente produciuse hai un tempo, polo que agora o Concello, lexítimo propietario destes inmobles que se atopan en estado ruinoso desde hai varias décadas, aínda que están nunha situación moi privilexiada no casco antigo da vila polas súas vistas, etc…, consideramos que a mellor saída para estes dous inmobles será a venda dos mesmos, a través de poxa, para que os novos propietarios os poidan rehabilitar seguindo a pauta que nos marcamos en Ribadeo hai uns anos co casco vello”.
O rexedor explicou que “entre estas dúas vivendas anexas dan unha superficie total construída duns aproximadamente 700 metros cadrados e polo tanto vai saír en licitación, en poxa pública por procedemento aberto e oferta máis vantaxosa, por un importe que os técnicos municipais cifraron de saída en 134.000 euros máis IVE, o que dá un total de 147.452 euros. Para iso, sairá publicado dentro duns días este anuncio no Boletín Oficial da Provincia e haberá 20 días para presentar ofertas para a poxa destes inmobles moi ben enclavados en pleno casco vello de Ribadeo, cunhas posibilidades ao noso xuízo moi importantes, pero que ao mesmo tempo seguimos coa estela traballando para recuperar o casco vello de Ribadeo”.
Suárez Barcia engadiu que “seguimos a traballar como facemos dunha maneira activa, é dicir, cando unha vez que iniciamos expedientes sancionadores para que rehabiliten, alguén se lava as mans dicindo que isto xa non é meu, pois se non é de ninguén será do Concello. Por iso o Concello inmatricularaos e seguirá con estes procedementos, que ao mesmo tempo supoñen uns ingresos paras as arcas municipais extraordinarios”.

Exit mobile version