Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo presentará en breve o plan de camiños rurais para o 2018, que contará cun investimento de 500.000 euros

Ribadeo, 7 de marzo de 2018. O alcalde, Fernando Suárez, amosa a súa satisfacción polos anuncios realizados nas últimas horas por parte da Xunta e da Deputación, que procederán a arranxar varias estradas de titularidade autonómica e provincial en Ribadeo. O rexedor anuncia que o Concello dará a coñecer en breve o seu plan de camiños para 2018, que suporá un investimento de 500.000 euros. Suárez Barcia subliña que as espiñas pendentes agora son o arranxo da estrada da costa e tamén da N-640, de Ribadeo a Vegadeo, que se atopan nun estado lamentable.
Suárez Barcia dixo que “están sendo estes moi bos días desde o punto de vista das infraestruturas nas parroquias e desde o punto de vista, eu penso que, da conxunción de varios planetas, de que todo o mundo por fin está respondendo ás vellas demandas que temos feito en Ribadeo desde hai moitísimo tempo. Digo iso pola licitación da estrada da Xunta de Reme a Vilamar, dos tramos que non estaban actualizados, que se presentaron onte, nunha parte importante de Ribadeo e noutra en Barreiros, pero que en definitiva vaille dar unha calidade ao trazado integral moi importante”.
Para o alcalde ribadense “non menos importante é que por fin estes viarios da Deputación polas parroquias do interior do noso concello, que estaban nunha situación terriblemente desfeita desde hai anos, que era un perigo incluso andar por eles, vanse ver mellorados. Estoume referindo á vía provincial de A Ponte ata Arante, a outra vía provincial de Cedofeita que vai a Couxela e que chega ata a N-640, ou incluso esta outra da Deputación que vai desde a estación de Porto ata o cruce da estrada da Venta en Couxela”.
O rexedor engadiu que “todas estas vías por fin a Deputación tamén atendeu estas demandas do Concello e está licitando o seu amaño, aproximadamente uns doce quilómetros, en aglomerado asfáltico, para ver se este verán se poden executar. Debo referirme tamén a que foi unha proposta do BNG que atendeu unha demanda do Concello de Ribadeo para meter neste plan de camiños provinciais”.
Fernando Suárez anunciou que “dentro moi poucos días presentaremos tamén o noso plan de camiños municipais para este 2018 por un importe aproximado de medio millón de euros, tamén en aglomerado asfáltico, para accesos a núcleos”.
O alcalde subliñou que “o que nos queda pendente en Ribadeo é esta espiña da situación vergoñenta da estrada da costa, que se atopa nun estado lamentable e que é obxecto de protestas estes últimos tempos, con toda a razón ademais. Como tamén da N-640 que ven todo pola beira da ría de Ribadeo que vai ata Veiga, que está tamén nunha situación terriblemente perigosa para os condutores de vehículos, para os ciclistas, para os motoristas, pola chea de fochancas que presenta e polo grixo. Disto deben tomar nota os responsables do goberno do estado para que esta poida ser outra vez unha estrada moderna, dun país moderno, e non dun país terceiromundista como parece ser que está sendo”.

Exit mobile version