Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Viveiro vén de adquirir 13 aparatos novos para o ximnasio da piscina municipal

Viveiro 16-3-18. O Concello de Viveiro vén de adquirir 13 aparatos novos para o ximnasio da piscina municipal; trátase, en concreto, de 10 bicicletas estáticas, 2 elípticas e 1 cinta. Con esta mellora, cúmprese o compromiso que esta Alcaldía e o Concelleiro de Deportes adquirimos o pasado ano cos usuarios deste servizo, e máis concretamente do grupo de spinning, cos que mantivemos unha xuntanza na que nos manifestaron as súas opinións sobre o servizo e na que solicitaron que se adquiriran novos aparatos para o ximnasio da piscina; naquel momento, explicóuselles que por cuestións orzamentarias non era posible asumir ese gasto en 2017, comprometéndonos a levalo a cabo neste exercicio, tal e como se explicou, así mesmo, no pleno de novembro.

Cómpre destacar que dende que o Concello de Viveiro asumiu a xestión directa da piscina municipal, en decembro de 2015, gastáronse neste servizo máis de trescentos mil euros, sen contar os salarios dos empregados nin os gastos da seguridade social. Trátase dunha cifra elevada na que se inclúen diversos arranxos tanto nas instalacións da piscina como no ximnasio, que demostra que este equipo de goberno ten sempre en conta as necesidades desta instalación e, na medida das posibilidades, se van realizando as correspondentes tarefas de mellora e adquisición de novos aparellos.

Finalmente, é preciso indicar que o cadro de persoal da piscina municipal conta dende o pasado mes de xaneiro con un novo monitor-socorrista, contratado por este concello por un período de 6 meses grazas ao Programa Depuemprego-Plan Único 2017, da Deputación Provincial de Lugo

Ambas cuestións, tanto a adquisición de novos aparellos como a ampliación temporal do cadro de persoal, supoñen unha mellora do servizo ofrecido na piscina municipal.

Exit mobile version