Burela, 8 de marzo de 2018. O alcalde, Alfredo Llano, valora moi positivamente o investimento de preto de 370.000 euros que se destinarán a través do Plan Único da Deputación de Lugo para o municipio. Algunhas das actuacións que se levarán a cabo serán o asfaltado da rúa Nosa Señora do Carme, a nova iluminación do campo de fútbol da Marosa, melloras no parque de Suafonte e contratacións de persoal. Tamén haberá dotacións para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), para Cultura e para Turismo.
O rexedor contou que “este ano o Plan Único, que ten un montante de 370.000 euros aproximadamente, ven de marabilla para o concello de Burela; e é algo que vai complementar e completar a partida que temos nos orzamentos para investimentos reais. Este Plan Único abre as posibilidades de atender non soamente investimentos reais senón outro tipo de cuestións como poden ser nos campos da cultura, do deporte, do turismo, tamén de asuntos sociais e desde logo para emprego”.
Llano salientou que “este ano en investimentos imos intentar, a ver se nos chega o que temos programado porque hai que facer novos proxectos estes días, un asfaltado na rúa Nosa Señora do Carme. Vaise cambiar e mellorar moitísimo, a través do proxecto que xa temos, o parque de Suafonte. Imos colocar semáforos, sobre todo na rúa Eijo Garay, para completar a rede semafórica que hai nesa zona. Imos mellorar a Casa do Concello a través das obras que queremos facer para separar despachos e mellorar a distribución do espazo para que sexa máis eficaz. Tamén imos iluminar o campo de fútbol da Marosa cunha nova instalación, con tecnoloxía led, coa que xa se ve claramente como se mellorou o campo de tenis; vai ser a mesma tecnoloxía que se vai empregar alí e por iso mellorará moitísimo”.
O alcalde declarou ademais que “imos seguir con algo que xa fai tempo estamos levando adiante, pero é algo extenso e laborioso, como o aforro enerxético con substitucións de lámpadas e melloras de instalacións. Tamén queremos gañar moito en seguridade eléctrica no pobo para que non haxa problemas de derivación de corrente, é unha preocupación que temos desde hai tempo”.
Alfredo Llano engadiu que “sobre o emprego xa o ano pasado tivemos un bo éxito; eu penso que foi unha boa labor que se fixo desde o Concello coa contratación de nove persoas. Este ano temos a mesma contía, preto de 80.000 euros, que imos destinar a favorecer o traballo no concello, sobre todo para a xente que está no paro. Penso que é algo bo, pois hai diversas labores que se poden facer. Trataremos de beneficiar ao máximo de xente posible polo que algúns serán a tempo parcial e outros total; abriremos o abano de posibilidades para que sexa diverso e poida favorecer a moita xente”.
O rexedor dixo finalmente que “o Servizo de Axuda no Fogar tamén sae reforzado, como haberá investimento para Cultura, para promocionar as pinturas de murais no porto e a feira do libro; e en Turismo tamén trataremos de facer algo que relance a Burela como destino turístico”.
Para Alfredo Llano “esta é unha oportunidade, unha axuda moi boa para o Concello de Burela con estes case 370.000 euros”.