Site icon Crónica3.com A Mariña

O Goberno da Deputación aproba 85.000 euros para a construción dunha nova canceira na Mariña

Lugo, 18 de marzo de 2017. O Executivo Provincial aprobou na última Xunta de Goberno destinar 85.000 euros á Asociación Protectora de Animais Valadouro Alfoz (APAVA) para a construción dunha nova canceira no Concello do Valadouro, e así dar acubillo, mantemento, coidado e atención profesional a animais abandonados que así o precisen. As novas instalacións situaranse en Vilaestremil, na parroquia de Recaré, nunha parcela de 2.650 m2 propiedade de dito colectivo. Con estas obras o Goberno da Deputación dá resposta ás demandas e necesidades que teñen, na actualidade, a maioría de municipios da Comarca da Mariña.

As actuacións, financiadas na súa totalidade polo Executivo Provincial, e que comezarán unha vez estean todos os permisos de obra concedidos, consistirán na construción dunha nave con bloque de formigón armado e unha cuberta metálica, a división dos espazos, a instalación da rede de saneamento e electricidade, así como os traballos de fontanería e carpintería. Ademais, o organismo provincial dotará á canceira dunha ampla zona verde co fin de humanizar moito máis a contorna.

Características da canceira
As novas dependencias contarán cunha sala de curas, un pequeno departamento para a xestión da actividade do colectivo, un almacén de alimentos e outro de produtos de desinfección e limpeza, 2 salas de corentena, así como 2 departamentos para o illamento de animais enfermos ou feridos, un espazo para animais considerados perigosos, un departamento para gatos e outro para mascotas, unha dependencia para pos partos e outros 6 espazos máis para os animais.

Esta canceira da Asociación Protectora de Animais Valadouro Alfoz atenderá a todos os animais que procedan dos Concellos de Muras, Alfoz, Valadouro e Lourenzá, así como do resto de municipios da Comarca da Mariña que estean interesados neste servizo e asinen un convenio con dito colectivo. O colectivo desenvolve durante todo o ano campañas de sensibilización e concienciación á cidadanía sobre a tenza e adopción de animais.

Exit mobile version