Site icon Crónica3.com A Mariña

O Goberno da Deputación promove un simposio sobre enerxía e clima aberto ao público e gratuíto

Lugo, 12 de marzo de 2018. O Goberno da Deputación promove o vindeiro martes 20 de marzo un simposio sobre enerxía e clima aberto ao público e totalmente de balde, así o avanzou o Deputado de Medio Ambiente, Argelio Fernández Queipo. Fixoo antes de inaugurar a exposición sobre o cambio climático e a enerxía, organizada polo Goberno da Deputación, co apoio de ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia), que estará aberta ata o vindeiro sábado 24 de marzo no Pazo de San Marcos. No acto tamén participou o responsable deste colectivo, Fins Eirexas. O Deputado de Medio Ambiente explicou que “estes proxectos enmárcanse na iniciativa global A Hora do Planeta, que se celebra mundialmente o último sábado do mes de marzo de cada ano e consiste nun apagamento eléctrico voluntario durante unha hora”.

Fernández Queipo subliñou que “no simposio da vindeira semana contaremos coa participación de reputados expertos no estudo do cambio climático, a contaminación atmosférica e lumínica, así como o aforro enerxético. Como clausura para a xornada haberá un roteiro vespertino urbano pola cidade de Lugo para avaliar a contaminación lumínica e a problemática da iluminación exterior”.

Por outra banda, o Deputado explicou que “a mostra que hoxe inauguramos está composta por 13 paneis e elaborada coa colaboración do CENEAM (Centro Nacional de Educación Ambiental) co obxectivo de achegar a problemática do cambio climático, os seus impactos e consecuencias dende a perspectiva da acción social”.

Esta exposición nace do Proxecto Europeo de Acción Educativa polo Clima, Clarity, para contribuír ao coñecemento do fenómeno do cambio climático, as súas causas e as respostas que se poden artellar para facerlle fronte, tanto por parte das institucións e das empresas, como pola da cidadanía.

Nos paneis repásanse as causas e consecuencias do cambio climático, e como este fenómeno afecta aos ecosistemas e á sociedade. Unha parte importante da mostra traballa as accións e actitudes positivas que debe emprender a cidadanía para mitigar os efectos do quecemento global, e como tamén os Gobernos, Concellos e ONGs poden contribuír.

A mostra permanecerá aberta até o vindeiro sábado 24 de marzo, data na que centos de cidades de todo o planeta apagarán a iluminación dos principais monumentos públicos entre as 20:30 e as 21:30 horas. A Deputación de Lugo tamén se une a esta iniciativa denominada A Hora do Planeta.

Programa da xornada Enerxía e clima – A hora do planeta
Mañá (10.30 -14.00 Horas)
– 10:30 Horas. Benvida institucional e contextualización.
– 10.45 Horas. 0 cambio climático: impactos e previsións. Pablo Ramil, director do IBADER e experto/a do panel científico galego contra o cambio climático.
– 11:30 Horas. Debate
– 11.45 Horas. Pausa Café
– 12.00 Horas. A contaminación das fontes de xeración enerxética. Ramón Varela Díaz, experto en contaminación atmosférica.
– 12.45 Horas. Crise enerxética e decrecemento no marco dos acordos de París. Xoán Doldán, USC.
– 13:30 Horas. Debate.

Tarde (16.30 -19.00 Horas)
– 16:30 Horas. O modelo enerxético ga/ego. Adrián Dios Vicente, USC.
– 17:15 Horas. A factura eléctrica: aforro e eficiencia no fogar. Pablo Álvarez Fernández, Coop. Nosa Enerxía.
– 18:00 Horas. A problemática da contaminación lumínica. Fins Eirexas, ADEGA
– 18:45 Horas. Debate.

– Roteiro vespertino urbano pola cidade de Lugo (20.00 a 22.00 Horas) para avaliar a contaminación lumínica e a problemática da iluminación exterior.

A Hora do Planeta
A Hora do Planeta celébrase o último sábado do mes de marzo de cada ano e consiste nun apagamento eléctrico voluntario, no que se pide a fogares, empresas, institucións e demais edificios que apaguen as luces e outros aparellos eléctricos non indispensables durante unha hora. Con esta acción simbólica, preténdese concienciar á sociedade sobre a necesidade de adoptar medidas fronte ao cambio climático e as emisións contaminantes, así como aforrar enerxía e minorar a contaminación lumínica.

Exit mobile version