Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo Provincial do PP advirte que a Deputación de Lugo busca, coas súas últimas decisións, a privatización das residencias

Lugo, 23 de marzo de 2018.- O Grupo Provincial do Partido Popular advirte que a Deputación de Lugo busca, coas súas últimas decisións, a privatización das residencias da terceira idade, cuxa xestión pública estaba garantida se seguiran ao amparo da Sociedade Urbanística Suplusa.
Os populares responsabilizan de xeito directo ao presidente da Deputación, ao socialista Darío Campos, non só da demora na apertura desde centros, cuxa creación se acordou no ano 2010, senón de querer privatizalos.
Desde o PP defenden a necesidade de buscar a viabilidade xurídica destes centros, polo que os catro membros do Consello de Administración do Grupo Provincial Popular votaron a favor, xunto co presidente de Suplusa, o socialista, Manuel Martínez, e o representante do BNG, Xosé Ferreiro, da elaboración dun informe que dirima se a xunta de Goberno ten ou non competencias para retirarlle á entidade a xestión das residencias ou debe facelo o Pleno.
A situación dos traballadores seleccionados
O Grupo do PP defende ademais a necesidade de que as persoas seleccionadas para traballar nas residencias poidan ter a oportunidade laboral que se lles prometeu e que agora está en entredito despois das declaracións do presidente nas que afirma que son empregos sen garantía de continuidade ou de incorporación inmediata.
Unha mera declaración de intencións
A Deputación de Lugo aprobou na Xunta de Goberno do día 16 deste mes un protocolo que se negaron incluso a firmar alcaldes socialistas, como o de Castroverde, indicando que é unha simple declaración de intencións. Os populares sosteñen que eses protocolos non teñen efectos xurídicos nin supoñen melloras con respecto aos convenios asinados no ano 2011 polos que Suplusa xestionaría as residencias, senón máis ben o contrario.
O protocolo asinado polos alcaldes simplemente comporta unha mera declaración de intencións de contido xeral e non supón a formalización de compromisos xurídicos concretos e esixibles, mentres que os convenios asinados no ano 2011 son acordos con efectos xurídicos adoptados coa finalidade común de construír e xestionar as residencias.

Exit mobile version