Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo Provincial do PP esíxelle responsabilidades a un Goberno da Deputación “en evidente descomposición”

Lugo, 27 de marzo de 2018.- O Grupo Provincial do Partido Popular amosa a súa preocupación pola deriva que está a tomar o equipo de Goberno da Deputación, despois de que hoxe o presidente pedira un receso do Pleno ante os desencontros dos socialistas. Así, tras este parón no Pleno, o deputado socialista Manuel Martínez rompeu de novo a disciplina de voto do seu partido e non apoiou ao seu Grupo en relación coa RPT.

Os populares aseguran que o debate de hoxe evidenciou a falla de control do propio grupo do PSOE no que o presidente tivo que facer un receso para intentar chamar a filas aos seus deputados.

A proposta quedou rexeitada, posto que nin tan sequera contou co apoio de todos os membros do PSOE. Tampouco o BNG apoiou a proposta do equipo de Goberno, abstívose. Así, o PSOE só conseguiu 10 dos 11 votos para defender a súa relación de postos de traballo.

Os populares lamentan a mala imaxe que os socialistas están a trasladar días tras día da institución polos seus desaguisados internos, o que está a bloquear asuntos importantísimos como a apertura das residencias. Así, “unha vez máis” a fractura interna do PSOE está a bloquear a Deputación de Lugo.

O PP pretendía “o maior consenso posible”
Na súa intervención, o popular Carlos Armesto defendeu a idoneidade de deixar a proposta da RPT sobre a mesa en aras “a buscar o maior consenso posible” e tendo en conta que a súa entrada en vigor non será posible ata que se aproben os Presupostos Xerais do Estado. O PP considera que debe existir o maior consenso posible dado que estamos a falar dunha contía de 800.000 euros e que existen informes non favorables.

O popular recordou que as alegacións son numerosas e que incluso o propio secretario xeral da institución e a deputada do PSOE Sonsoles López presentaron reclamacións á proposta.

Exit mobile version