Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Ribadeo denuncia o mal estado das estradas municipais e da entrada á vila a pouco do comezo das vacacións de Semana Santa. Os populares critican o pasotismo do equipo de goberno aínda que conta cos medios para facer ese mantemento

Ribadeo, 16 de marzo de 2018. O Partido Popular de Ribadeo denuncia o estado no que se atopan as estradas municipais e algunhas rúas da vila en vésperas das vacacións de Semana Santa. O portavoz do PP no Concello ribadense, Jesús López Penabad, denuncia o pasotismo do equipo de goberno, que conta con medios técnicos para facer esas labores de limpeza e mantemento. Ademais López Penabad critica a actuación do goberno municipal ao non invitar aos concelleiros da oposición a actos como o celebrado recentemente da presentación dos folletos coa historia de rúas de Ribadeo.
Jesús López Penabad manifestou: “desde o Partido Popular preguntámoslle ao equipo de goberno onde están os dous tractores e as catro desbrozadoras que ten o Concello. Achégase Semana Santa e as pistas e incluso a entrada de Ribadeo están nunha situación que merece un repaso. Cada vez hai máis maquinaria, dito sexa de paso financiada pola Xunta de Galicia, pero ¿contrataron outro operario máis?, porque dous tractores para un tractorista vai ser demasiado. Achégase a época das vacacións de Semana Santa e non vemos que esa maquinaria pasara por ningún lado. Normalmente facíase unha vez ao ano unha pasada e pregunto: ¿co dobre de maquinaria vaise facer o mesmo?. Parécenos que o goberno local actúa con gran pasotismo a pesar de que teñen máis medios”.
Por outra parte, o voceiro do PP no Concello de Ribadeo comentou que “sae a concurso agora por 1,6 millóns de euros o Servizo de Axuda no Fogar para persoas dependentes e hai que dicir que tamén está financiado pola Xunta de Galicia. É de agradecer outro investimento máis da Xunta para Ribadeo”.
Ademais Jesús López Penabad criticou a actitude do equipo de goberno cos concelleiros dos grupos da oposición cando organiza actos municipais: “volve repetirse que nos distintos actos que está organizando o Concello de Ribadeo, como no caso da recente presentación dese folleto plurilingüe sobre a ruta das placas de Sargadelos, vai o cronista oficial, o alcalde e outro concelleiro máis do goberno, pero ¿o resto da corporación onde está?. Os concelleiros do PP representamos a máis de 1.200 ribadenses, que creo que tamén deberían estar representados non só neste caso senón en todos os actos que faga o Concello”.
O portavoz popular critica “a non invitación por parte do alcalde a ningún acto que organiza o Concello. Parécenos lamentable, unha forma de gobernar totalmente absolutista e pouco transparente”.

Exit mobile version