Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP lamenta que a Deputación se empeñe en asinar uns protocolos para seguir retrasando a apertura das residencias que “non convencen nin aos seus”

Lugo, 21 de marzo de 2018. O Grupo Provincial do Partido Popular lamenta que a Deputación de Lugo se empeñe en asinar uns protocolos cos alcaldes da provincia para seguir retrasando a apertura das residencias “que non convencen nin aos seus”, cando xa hai máis de sete anos que asinaron os convenios para a construción e xestión dos centros por parte de Suplusa.

Así queda reflectido nas declaracións do alcalde socialista de Castroverde, Xosé María Arias, recollidas hoxe polos medios de comunicación nas que asegura que “o que se asina hoxe non é máis que unha declaración de intencións”, mentres que xa existe un convenio asinado con Suplusa desde hai tempo que é o que ten validez xurídica.

Así, para o Grupo Provincial do PP a existencia de discrepancias entre os propios alcaldes do PSOE deixa á vista que o único que está a facer o Goberno Provincial é paralizar o funcionamento dos centros, pese a que xa existen dous, concretamente o de Trabada e Castroverde, que teñen todos os permisos precisos para abrir.

Desde o PP cren que con estas sinaturas retrasan de novo esa apertura, o mesmo que fan ao non ter aprobado aínda a ordenanza que fixa os prezos por praza, polo que a Deputación de Lugo é a única que impide que as residencias boten a andar.

Os populares consideran ademais que tanto o equipo de Goberno provincial como os rexedores que asinan eses protocolos deberán explicar por qué renuncian á garantía de xestión pública das residencias que aseguraba Suplusa.

Competencias de Suplusa
En canto ás críticas vertidas polo alcalde de Ribadeo en relación coa petición dun informe na reunión de onte de Suplusa que dirima se a xunta de Goberno ten ou non competencias para retirarlle á entidade a xestión das residencias ou debe facelo o Pleno, o PP recorda que o BNG tamén vota e votou a favor desa proposta, polo que lle aconsellan ao rexedor que lle pida explicacións aos membros do seu partido.

Exit mobile version