Site icon Crónica3.com A Mariña

O Vindeiro luns, 2 de abril, haberá pleno ordinario no Concello burelés no que se someterá a aprobación un investimento de 370.000 euros a través do plan único da Deputación

Burela, 28 de marzo de 2018. O Concello presentará para a súa aprobación no pleno ordinario que se celebrará o vindeiro luns, 2 de abril, ás 20:00 horas un investimento de 370.000 euros a través do Plan Único da Deputación Provincial. Entre as actuacións previstas figuran diversas obras, actividades culturais, deportivas e turísticas, melloras na administración electrónica, un plan para o fomento do emprego e unha partida para o SAF (Servizo de Axuda no Fogar).
O alcalde, Alfredo Llano, contou que “se abordará o nomeamento de representantes da Corporación nos órganos colexiados porque derivado do falecemento de Andrade tivemos que poñer outros representantes onde el estaba cubrindo a súa responsabilidade. Ademais se presenta a resposta a unha alegación que se presentou á aprobación dos orzamentos de forma definitiva. É unha cuestión trivial dado que non ten ningún impedimento para poder aprobar os orzamentos dunha forma definitiva. Faremos tamén un recoñecemento extraxudicial de créditos. Isto refírese a pagar facturas que chegaron tarde ou que por algunha razón non se pagaron no momento”.
Alfredo Llano explicou que “imos aprobar tamén a participación no Plan Único de Cooperación cos Concellos da Deputación. Aí imos gastar todo o que nos corresponde que son case 370.000 euros dos que imos meter en investimento uns 210.000 euros. Van ser para facer unha perrera, posto que hai un novo regulamento para que se organice a atención aos animais domésticos que están abandonados. Polo tanto imos ter un plan especial para poder ubicalos nunha zona de Burela que pensamos é ideal para este tipo de tarefas. Temos ademais a remodelación do parque de Suafonte, que cremos moi necesaria. Imos colocar un bo parque para que acuda a xente, que sexa complementario co de Rosalía de Castro para que sexa atractivo tamén para moita xente que teña nenos e poida ir alí, que ademais dispón dunhas vistas extraordinarias”.
O rexedor engadiu que “neste plan temos tamén a reposición de firme de varias vías como pode ser na Nosa Señora do Carme, para reparación dos aseos da praia da Marosa para que estean perfectamente agora cara o verán. Imos mellorar a instalación eléctrica da iluminación do campo de fútbol de A Marosa, xa se fixo na pista de tenis pero agora se vai facer tamén no campo de fútbol con tecnoloxía led co cal se aforrará moito en enerxía, moito en gasto, e sen embargo vai alumear moito máis. Tamén imos facer con respecto á electricidade algo que nos parece moi necesario como é gañar en seguridade, polo tanto vanse facer instalacións eléctricas de baixa tensión para reparación de alumeado público en varias rúas. Trátase de aplicar a normativa e a seguridade que corresponde para que sexa seguro circular por Burela sen que haxa ningunha derivación de corrente”.
Alfredo Llano seguiu a relatar que “tamén se inclúe o SAF, o servizo de axuda no fogar, ao que lle corresponden uns 40.000 euros. Temos ademais o programa do fomento do emprego, imos repetir porque nos parece bo impulsar o emprego a través destes plans. O ano pasado xa o fixemos e parécenos moi boa idea dado que dan moi bo resultado estes plans de emprego. Este ano imos gastar uns 78.000 euros e imos dar emprego a nove persoas para diferentes servizos que se axustan ás necesidades no noso Concello. Vai unha partida tamén para o programa de actividades culturais que suman 17.000 euros, o de actividades deportivas que son 10.500 euros, o de actuación de eventos turísticos e o de eventos de feiras e mercados. Tamén imos gastar case 10.000 euros na administración electrónica de protección de datos, que agora están esixindo”.

Exit mobile version