Site icon Crónica3.com A Mariña

Mondoñedo recibe o certificado de Concello Emprendedor que outorgan a Xunta e a FEGAMP

Mondoñedo, 4 de marzo de 2018.- O Concello de Mondoñedo vén de ser distinguido pola Xunta de Galicia e a FEGAMP como “Concello Emprendedor”. Ambas as institucións xa remitiron dita certificación á entidade local, que se enmarca no convenio de colaboración impulsado pola administración autonómica e a Federación Galega de Municipios e Provincias para fomentar a implantación e fixación de empresas na Comunidade.

A alcaldesa da localidade, Elena Candia, non dubida en amosar a súa satisfacción por este recoñecemento, que dá continuidade, sinala, ao traballo iniciado hai meses para impulsar socio economicamente o municipio. E é que “ser un Concello Emprendedor significa que somos un reclamo para o investimento”, afirma.

Aprobación de ordenanzas en novembro
Precisamente, e no marco deste convenio de colaboración e do obxectivo do equipo de Goberno de establecer actuacións que incentiven o emprego e o crecemento económico local, no mes de novembro, a entidade local aprobou en Pleno a modificación de ordenanzas do IBI, IAE e ICIO para ser Concello doing business; outras das opcións que ofrece este acordo e que é necesaria para recibir esta distinción.

Deste xeito, a entidade local mariñá quixo sumarse a esta plataforma impulsada pola Consellería de Emprego, Economía e Industria, que ten como principal liña de actuación a redución de cargas administrativas para as empresas (http://ceei.xunta.gal/doingbusiness).

O proxecto, ao detalle
Ao ser Concello Doing Business, Mondoñedo pode beneficiarse das medidas que a Xunta poña en marcha para apoiar o tecido empresarial, é dicir, daquelas axudas autonómicas destinadas a impulsar a industria, o emprego ou o emprendemento.

Entre os incentivos que ofrece este proxecto están a bonificación de ata o 95% (ata o 95% de bonificación cando se creen máis de 20 postos de traballo; como mínimo o 75% cando sexan entre 11 e 20 empregos; e como mínimo do 50% pola creación de ata 10 empregos) no IBI, IAE e ICIO a aqueles proxectos que impliquen nova implantación ou ampliación de empresas xa existentes, sempre e cando garantan a creación de emprego.
Tampouco esixen taxa por licenza de obra e apertura en todos os proxectos que impliquen nova implantación ou ampliación de empresas xa existentes, que leven consigo a creación de novos postos de traballo e o seu código CNAE corresponda con algunha actividade económica incluída no eido da Industria 4.0 e a RIS3.
Asemade, a concesión das licenzas de obra maior terá un prazo máximo de 30 días naturais desde que o Concello dispón de todos os informes.
Rebaixa do prezo no polígono
Con respecto ao solo empresarial, fíxanse prezos competitivos, establecendo bonificacións e incorporando á súa oferta o dereito de superficie. A este respecto, segundo avanza a rexedora, “xa xestionamos con SEA unha rebaixa no prezo da adquisición do metro cadrado das parcelas do noso polígono”, ao tempo que explica que o Concello está estudando habilitar incluso máis axudas a nivel local.

Exit mobile version