Site icon Crónica3.com A Mariña

Os populares bureleses aseguran que “o alcalde incumpre a súa palabra” e vai prorrogar o contrato da recollida de lixo, ademais de non ter redactados os proxectos a incluír no Plan Único

Burela, 24 de marzo de 2018.- “Estamos ante un alcalde e un grupo de goberno que non cumpren o que din e que por riba non traballan o que deberan”. Así se manifesta este sábado o Grupo Municipal Popular burelés, logo de que fose convocado un Pleno extraordinario para este luns, e que estea previsto celebrar outro ordinario para o luns día dous de abril.

Para o GMP de Burela, “resulta incomprensible que haxa que facer dúas sesións en sete días, porque non hai nada que xustifique semellante situación, agás a incompetencia do alcalde, dado que os asuntos a tratar -prórroga do contrato do servicio de recollida de lixo e actuacións a incluír no Plan Único da Deputación- xa eran coñecidos desde hai semanas e mesmo meses”, afirman.
O Pleno extraordinario deste luns, día 26, leva un único punto, a prórroga do contrato do servizo de recollida de lixo e limpeza viaria, o que demostra, segundo subraian os populares, que “o socialista e o seu equipo incumpren o que dixeron en campaña e repetiron coma un mantra durante o ano 2016, que municipalizarían esta prestación”. E é que, “de ter vontade real de facelo, xa o terían feito hai un ano, e mesmo podían facelo agora, non prorrogando o contrato”, afirman. Pero os socialistas, remarcan, “tenden á mentira e ao engano e, este caso, non ía ser unha excepción”.
Parálise no Plan Único
No que se refire á sesión que se prevé celebrar o día dous de abril, e para o que xa están convocadas as comisións informativas, dende o PP apuntan que se deberían incluír as actuacións do Plan Único da Deputación para este exercicio 2018, dado que o prazo de remisión remata o día tres.
“O chocante é que en ningún punto das Ordes do Día de ningunha das tres Comisións Informativas convocadas aparece tal asunto, co que temos que deducir que, a día de hoxe, aínda non teñen claro que actuacións van meter, ou cando menos aínda non teñen rematados os proxectos”, engaden os populares, quenes tamén indican que “a contía asignada ao noso concello xa se coñece dende finais de febreiro, así que tempo tiveron a elaborar os proxectos”, manifestan.
Por todo elo, dende o GMP consideran que “todo esto é un despropósito”, pois os proxectos de deito Plan “podían moi ben estar xa redactados, co que se podía celebrar un só Pleno, pero a vagancia e irresponsabilidade do alcalde, máis preocupado polas fotos e polas pancartas, vainos levar a esta situación absolutamente surrealista, dous plenos en sete días”. Esta situación é a que leva aos populares a concluír que “o PSOE non ten un proxecto serio para Burela”. Tal é así que “Burela Bonita dá outro paso para convertirse en Burela Desastre”, sentencian.

Exit mobile version