Site icon Crónica3.com A Mariña

Os populares de Burela advirten que vinte meses despois, a RPT aínda non foi presentada aos traballadores

Burela, 22 de marzo de 2018.- O Grupo Municipal Popular burelés advirte que vinte meses despois de asinarse o contrato coa empresa redactora, a Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello de Burela aínda non foi presentada na Mesa de Negociación aos representantes dos traballadores; o que, aseguran, “unha vez máis demostra a falla de traballo e nula preocupación polos asuntos municipais do alcalde e do seu equipo, e que por riba nos custa 16.280’00€ saídos dos cartos de todos os cidadáns de Burela”, destacan.
Os populares lembran que o contrato entre a entidade local e a empresa redactora asinouse en xuño de 2016, e que o prazo de execución do servizo era de tres meses. “O que pasa é que a empresa non debeu ter en conta na súa oferta o tempo que se toma o alcalde para adoptar unha decisión…”, apuntan.
Desde o GMP afirman que “o certo é que, vinte meses despois, o documento está nun caixón sabe Deus onde, e sen ser informado pola Mesa de Negociación e, polo tanto, sen levar ao Pleno da Corporación”. Por iso, consideran que o alcalde debería explicar cales son os motivos “de semellante e inaudito retraso, aínda que moito nos tememos que as causas esteñan no axuste económico de determinados postos de traballo que o socialista desexa facer pero que resultarían algo escandalosos”, afirman.
“O asunto é especialmente grave”, indican os populares, xa que se no ano 2016 houbo seis reunións da Mesa Xeral de negociación; en 2017 só houbo unha e, no que vai de 2018, dúas; pero sen ningún avance no asunto da RPT ou no abono da produtividade ou horas extras, para o que xa había partida orzamentaria en 2017, e que na súa meirande parte segue intacta. A isto hai que engadir, sinalan dende o PP, que, “por riba, o regulamento que o alcalde dixo que se elaboraría a tal fin segue sen ser presentado”.
Neste senso, advirten que, a través das actas de todas estas sesión, se pode constatar como a reposta máis habitual do alcalde é “isto mirarase na próxima mesa”, deixando así todos os asuntos pendentes; o que xenera malestar entre os representantes dos traballadores. Tanto é así, que, na última reunión mantida o sete deste mes, participaron representantes a alto nivel provincial de certos sindicatos para decirlle ao dirixente local que non se podía seguir mantendo a situación actual de parálise.

“Situación traxicómica”
Para os edís do PP, “esta situación ainda é máis traxicómica se temos en conta que ás mesas de negociación asisten, ademais do alcalde, o primeiro tenente de alcalde, o Sr. Fernández Rey, recoñecido sindicalista na empresa onde traballa, e a Sra. Otero, avogada que leva asuntos laborais, pero nin así conseguen sacar a RPT para adiante; o que demostra que os tres son tres consumados incompetentes políticos”. A este respecto, remarcan que, precisamente, algún sindicato presentou alegacións aos Orzamentos de 2016 e 2018; o que implica que haxa que levalos de novo a Pleno.

“Burela é un despropósito”
Dende o Partido Popular lamentan que este non sexa o único caso de inoperancia do alcalde e dos seus concelleiros. “Se fose o único, poderíamos darnos cun canto nos dentes”, ao tempo que engaden: “aí está o asunto do mercado, que leva dous anos de si vou para aquí ou vou para alá; o plan de tráfico, que debe ser impactante porque ninguén o coñece e eiso que o alcalde xa se referiu a el en outubro de 2015; a peonalización de certas rúas, do que tamén o socialista falou abundantemente; ou a xestión directa municipal dos servicios de auga e recollida de lixo e limpeza viaria, que seguen como estaban hai tres anos, ou sexa, externalizados. Burela xa non é bonita, Burela é un despropósito grazas ao goberno municipal socialista”, conclúen.

Exit mobile version