Fernández Queipo destacou “a extraordinaria acollida desta iniciativa con 103 centros públicos de Educación Infantil e Primaria da provincia inscritos, nos que se realizarán as actividades propostas. Un total de 15.651 escolares co seu profesorado (14.704 escolares e 1.099 docentes) participarán na 7ª Semana Escolar da Árbore e da Auga en toda a provincia de Lugo”.
O Deputado de Medio Ambiente engadiu que “o obxectivo é chamar a atención sobre as secas e os incendios educando na conciencia ambiental e na prevención e conservación da natureza, de xeito que o alumnado goce e aprenda ao mesmo tempo. O día 23 de marzo, como conclusión das actividades, ás 12:00 horas da mañá, nos colexios procederán á plantación e rego dun pé de salgueiro, ao que poñerán nome, tamén remitido pola Deputación a todos os centros participantes”.
Libros de texto gratuítos para os centros
Con esta finalidade a Deputación editou os libros, para uso como manuais, titulados A auga, o dragón e o salgueiro -álbum para non lectores e primeiros lectores-, e A invención do salgueiro -libro ilustrado-, con historias de ficción adecuadas aos cursos de educación infantil e educación primaria respectivamente. Na presente edición a árbore protagonista, que centra as historias, é o salgueiro. As tramas de ambas desenvolvesen en espazos naturais da nosa provincia.
Para establecer as actividades elaborouse un programa con propostas de traballo e editouse unha Guía do Profesorado que achega pautas para optimizar o emprego dos libros, os cales recibirán todos e cada un dos escolares inscritos. Para chamar a atención nos propios centros escolares sobre o evento editouse o correspondente cartel.