Site icon Crónica3.com A Mariña

Resultado da elección do Grupo de Coordinación Comarcal de En Marea na Mariña

Foz 24-3-18. Este venres en Foz -en horario de 19:00 a 21:00 e no local de Foz Plataforma de Futuro- celebrouse a elección para a constitución do Grupo de Coordinación Comarcal de En Marea na Mariña. Concorreu nada máis que unha candidatura nomeada Xuntas pola Mariña que obtivo a totalidade dos votos emitidos, sen haber votos en branco.
A porcentaxe de participación sobre o censo oficial de inscritas de En Marea da comarca foi do 20,63%, que se considera digno tendo en conta a concorrencia dunha única candidatura, as condicións meteorolóxicas do venres na Mariña, a limitada difusión do evento e a brevidade dos prazos de participación -2 horas-, así como a existencia dun único lugar de votación. Enténdese en todo caso que estas limitacións non impediron que a convocatoria chegase ás persoas que veñen participando activamente no traballo de En Marea, que votaron de xeito maioritario ou ben excusaron a súa asistencia anticipadamente por causas persoais.
Polo tanto, de acordo co resultado da votación as compoñentes do Grupo Coordinador Comarcal (GCC) de
En Marea na Mariña son as seguintes:
– Manuel Germade Mayo, de Mondoñedo
– Estefanía Otero Rivas, de Foz
– Xavier Arca Uría, de Xove
– Thaís Rivera López, de Viveiro
– Evaristo Lombardero Rico, de Ribadeo
Valórase o paso dado como un trámite necesario para o inicio da actividade deste grupo dinamizador, que ten por obxectivo dotar de visibilidade e permitir medrar ós colectivos que fai meses están a traballar de xeito continuado coas representantes de En Marea no Parlamento Galego e no Congreso para levar adiante
iniciativas (emendas, mocións, preguntas parlamentarias, etc.) sobre os asuntos da comarca.
É preciso lembrar que de acordo cos seus estatutos fundacionais, aprobados en Asemblea celebrada o pasado
mes de novembro, este Grupo Coordinador Comarcal pretende ser un foro para a colaboración entre mareas
locais e persoas inscritas da Mariña. Ten por obxectivo favorecer a posta en común de solucións ós
problemas locais, axudar á súa visibilización, e constituír un lugar de debate de iniciativas de interese
comarcal.
Entendemos que a superación das Deputacións como estruturas obsoletas ligadas a unha división artificial
como é a provincia pasará por transferir os seus fondos e competencias ó ámbito comarcal. É nas comarcas
onde se deben traballar os problemas que superan o local, axudando a vertebralas nos eidos da sanidade, o
transporte, a educación, o turismo, a xestión dos residuos, etc., a través de estruturas transparentes e abertas de cooperación entre concellos.
Próximamente celebrarase unha asemblea aberta para celebrar a constitución do GCC, na que se abordarán a
distribución de funcións dentro do grupo, a dinámica de traballo coas diferentes mareas locais da mariña e as prioridades sectoriais a abordar cos colectivos sociais a escala comarcal. Para todo ello chámase á
participación das inscritas e simpatizantes, ás que achegaremos información puntual a través do correo
electrónico e da nosa páxina de Facebook.

Exit mobile version