Site icon Crónica3.com A Mariña

Rodil pide á Xunta que cumpra dunha vez os convenios e actúe na Edar de Viveiro para garantir o saneamento da ría

Santiago de Compostela, 22 de Marzo 2018.- A deputada por Lugo, Olalla Rodil, pide a Xunta que deixe de buscar escusas e cumpra cos seus compromisos actuando dunha vez no Concello de Viveiro para garantir o saneamento da Ría, tal e como se comprometeu en setembro de 2016 a través dun convenio para acometer as obras de saneamento de Celeiro e na mellora da EDAR de Viveiro, a súa posta en servizo, a súa explotación e a súa conservación e mantemento.

As actuacións recollidas nese convenio prevían un investimento de 3M€ nun prazo de execución entre 2017 e 2019, “pero transcorridos 18 meses a Xunta non fixo nada, nin sequera licitar o proxecto”, denunciou Rodil na súa interpelación ao Goberno na Comisión de Medio Ambiente, e non arrancou ningunha das tres fases previstas: Primeira, construción dun novo bombeo con depósito de retención; segundo, optimizar a EDAR e por último, mellorar o saneamento de Celeiro.

En consecuencia, salientou a deputada lucense, Viveiro segue sen unha correcta depuración de augas, a ría segue sen estar saneada e este concello segue a incumprir a normativa da Unión Europea que establece que, a partir do ano 2000, ningunha localidade con máis de 15.000 habitante podía verter ao mar augas residuais sen sanear.

“E os incumprimento da Xunta, -denunciou-, acumúlanse desde que en 2011 anunciase un investimento de 5M€ que estaría executado en 2015, pero na práctica sen máis resultado que un novo convenio asinado en 2016, coa cifra de orzamento xa minguada a 3M€, que ata agora é papel mollado”.

“A conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, chegou a asegurar en rolda de prensa que en 2017 poderían estar rematadas a estación de bombeo para a mellora do sumidoiro de Celeiro. Tamén anunciou a optimización da depuradora e a instalación do novo emisario submarino de 858 metros, pero hoxe sigue igual que estaba, roto e vertendo”, criticou Rodil.

“En nome da veciñanza de Viveiro pedímoslle que deixen de tomarnos o pelo a todas, porque os incumprimentos do PP prexudican aos veciños e veciñas que pagan impostos por un servizo que non están a cumprir, mais tamén prexudica a un dos principais portos deste país que é o de Celeiro, que soporta un sobrecuste á súa actividade pesqueira ao ter que filtrar a auga para garantir a total calidade dos produtos”, concluíu.

Exit mobile version