O rexedor explicou que “desde o Concello tiñamos solicitado esta xuntanza, e hoxe viñeron a Burela o presidente de Suplusa, Manuel Martínez, acompañado de técnicos deste servizo. Queríamos que visitaran o polígono industrial do Perdouro, que xa está contemplado no Plan Xeral. Xa tivéramos varias conversacións con eles en Lugo para ver como realizar o desenvolvemento cunha planificación boa das posibilidades que temos no polígono industrial”.
Llano dixo que “hai 150.000 metros cadrados dispoñibles para este polígono, dos cales se poden edificar 75.000, que se poden destinar para naves industriais ou instalacións. O resto sería para outro tipo de cuestións. Parécenos que é unha boa posibilidade para poder facilitar que se instalen naves industriais nese polígono”.
O alcalde burelés contou que “se comprometeron desde Suplusa a facer un estudio e mirar a mellor maneira de colocar as naves, en qué sitios irían ben situadas para que o resultado sexa o mellor posible porque hai unha inclinación e verticalidade nalgunha parte dos terreos. Polo tanto o primeiro que van facer é un levantamento topográfico e a partir de aí buscarán a mellor solución para desenvolver este polígono industrial. Unha vez que estea feito o estudio dirannos incluso a qué prezo pode saír o metro cadrado das parcelas onde se poderán situar as naves. Unha vez que sabiamos iso procuraremos darlle para diante e facilitar que o polígono industrial do Perdouro se vaia consolidando”.
Alfredo Llano lembrou que “ata o de agora había un estudio derivado do Plan Xeral, pero tiña unhas condicións que agora mesmo parece que non son as máis idóneas e por tanto vaise facer este novo estudio, adaptado ás circunstancias actuais”.
E subliñou: “queremos darlle saída a moita xente que está esperando a ocasión para poder instalarse alí”.