Site icon Crónica3.com A Mariña

15 redeiras formaranse de xeito gratuíto grazas ao Goberno da Deputación para obter o certificado de profesionalidade

Lugo, 19 de abril de 2018. O Goberno da Deputación ofrecerá formación gratuíta a 15 redeiras para que poidan obter o certificado de profesionalidade. Así o informou o Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, logo de asinar un convenio por valor de 40.000 euros coa Asociación de Traballadores Autónomos do Transporte, o Mar e as Comunicacións de Galicia (UNIATRMAC) para a organización de tres xornadas divulgativas na Mariña Lucense –Burela, Viveiro e Ribadeo- e dúas accións formativas en Burela coas que acceder ao exame de capacitación para obter o mencionado certificado. No acto tamén participaron a Presidenta de UNIATRMAC, Dolores Somoza Regueiro; o Alcalde de Burela, Alfredo Llano García, e o Secretario Xeral da Federación de Servizos, Mobilidade e Consumo de UGT Galicia, Eladio Romero.

Santos Ramos subliñou que “na actualidade no mercado laboral hai unha elevada demanda de redeiras, fan falla máis profesionais que garantan o relevo xeracional, pero non hai xente coa formación precisa para incorporarse a este sector. Por iso, da man da Asociación de Traballadores Autónomos do Mar, poñemos en marcha accións formativas para atender as necesidades destas profesionais, ao mesmo tempo que defendemos os dereitos das redeiras da nosa provincia”.

O Deputado de Relacións Institucionais engadiu que “somos conscientes da importancia do sector pesqueiro para a Mariña e para o conxunto da provincia. Non en vano, nesta comarca o sector da pesca xera entre 5.000 e 6.000 postos de traballo, tanto directos como indirectos, unhas cifras que falan por si mesmas. Por iso non podemos nin debemos deixar pasar esta oportunidade para xerar riqueza, crear emprego e impulsar a nosa economía”.

A Asociación de Traballadores Autónomos do Transporte, o Mar e as Comunicacións de Galicia facilitou ao colectivo de redeiras o acceso ás accións formativas de confección e mantemento de aparellos de pesca e artes de enmalle durante o mes de decembro de 2016. Actualmente, precisan desenvolver os dous cursos de remate do ciclo formativo, que financiará o Goberno da Deputación a través deste convenio, de cara a poder acceder ás probas de capacitación previstas para este ano.

Estas dúas últimas accións formativas consisten nun curso de cerco (55 horas presenciais), e un curso de arrastre (130 horas presenciais), ambos se impartirán en Burela, pois é o municipio no que existe unha maior demanda. En total son 185 horas e habilitarán aos participantes para presentarse ao exame de cara a optar á cualificación profesional que os acreditará como redeira, esencial para poder exercer esta ocupación.

A estes dous cursos engádense tres xornadas divulgativas que se celebrarán en Burela, Viveiro e Ribadeo, estruturadas en catro módulos temáticos e oito bloques cos seguintes temas: Prevención de riscos laborais; A relación do sector coa administración; O asociacionismo no sector; Réxime xurídico, organizativo e electoral das confrarías de pescadores; Factores ambientais: impacto sobre a explotación marisqueira; Marisqueo e pesca artesanal: Sustentabilidade, trazabilidade e responsabilidade; Explotación de novos recursos; e, finalmente, un haberá un debate sobre a problemática no sector.

700 redeiras en Galicia
As persoas ás que van dirixidas estas dúas accións formativas son mulleres en situación de desemprego ou en precariedade laboral co fin de poder finalizar a súa formación e poder superar con éxito as probas de acceso á titulación profesional do ano 2018. O colectivo de redeiras de Burela necesita un relevo e poder facer fronte á acumulación de traballo que en moitas ocasións acábase facturando fóra da provincia de Lugo ante a imposibilidade de poder efectuar o traballo por falta de man de obra que poida estar legalmente en disposición de traballar. En Galicia as redeiras representan un colectivo que agrupa a preto de 700 traballadoras, sendo a comunidade que aglutina un maior número de profesionais neste sector.

Exit mobile version