Site icon Crónica3.com A Mariña

A Consellería de Cultura e Educación contratou as obras do cerramento da pista cuberta do CEIP Gregorio Sanz, en Ribadeo

Ribadeo, 16 de abril de 2018.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria contratou as obras do cerramento da pista cuberta no Colexio de Educación Infantil e Primaria Gregorio Sanz, de Ribadeo, unha obra que supera os 24.000 euros de orzamento.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, destacou a “seguridade e maior confort para os usuarios” que achegará esta actuación e explicou que a Xunta aprobou nos últimos meses proxectos por importe global de preto de 50.000 euros neste centro e no IES Dionisio Gamallo.

Polo que respecta á obra que se executará na pista cuberta, consiste na construción dun muro na zona situada ao leste, realizado con fábrica armada de bloque de formigón ata unha altura de 3 metros, coa instalación de portas e ventás de aluminio.

No mesmo colexio acometéronse recentemente varias obras eléctricas, incluíndo a substitución de parte dos tubos fluorescentes por lámpadas LED e o reforzo da liña xeral de alimentación.

Pola súa banda, no IES Dionisio Gamallo vanse substituír os canlóns e baixantes, instalando canlóns de chapa de aluminio pregado e reformando diferentes baixantes, o que que levará a anular as que actualmente discorren polo interior e colocar outras en PVC polo exterior do edificio.

Balseiro explicou que o Goberno autonómico “programa continuas obras de mellora nas instalacións educativas, realizando moitas delas durante as vacacións escolares do verán, para que os centros públicos dispoñan das mellores dotacións e de espazos axeitados para o desenvolvemento da actividade lectiva”.

Exit mobile version