Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación presenta a 20 compañías que operan na provincia os perfís laborais de mozos lucenses no paro

Lugo, 19 de abril de 2018. O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, e o Presidente da Escola de Finanzas de A Coruña, Venancio Salcides, inauguraron este xoves a 1ª Feira de Emprego Universitario que acolle a provincia, unha iniciativa organizada por dita escola coa única colaboración de ambas as dúas institucións lucenses.

Participaron 20 compañías que operan na provincia (Hotusa, Cafés Candelas, Nortempo, BDO Auditoría, PWC, Softek, Vegalsa-Eroski, Caixabank…) e que buscan perfís laborais para a súa contratación. Tamén se impartiron obradoiros gratuítos para que os rapaces melloren a súa carta de presentación laboral e destaquen nas entrevistas de traballo cunha “marca propia” que os distinga.

O organismo provincial levou a esta xornada a súa Axencia de Colocación, un servizo gratuíto que xera sinerxías entre os demandantes e ofertantes de emprego existentes na provincia para contribuír a unha verdadeira inserción laboral no conxunto do territorio lugués. O primeiro resultado deste traballo é a contratación no mes de maio de 185 lucenses actualmente no paro noutras tantas entidades da provincia.

A Deputación presentou ás empresas da feira os perfís laborais que se adaptan as súas necesidades e forman parte da base de datos da súa Axencia de Colocación, que conta xa coa información profesional de máis de 2.000 lucenses. O organismo provincial tamén recolleu nova información laboral de mozos da provincia no paro co obxectivo de poñelos en contacto con entidades lucenses nas que poidan traballar.

Campos Conde destacou que a Feira de Emprego Universitario “é unha oportunidade única para que os nosos rapaces manteñan contactos con recoñecidas empresas de cara a súa inserción laboral. Por este motivo, dende a Deputación, ao igual que dende o Concello de Lugo, dúas institucións que imos da man e compartimos unha firme aposta polo emprego, tivémolo claro dende un principio e decidimos contribuír á celebración desta cita en Lugo”

1.000 novos empregos
“Representamos a dúas administracións sumamente sociais e que traballan intensamente por e coas persoas. Este traballo pasa pola xeración de novas oportunidades económicas e de emprego, a pesares de non ter as competencias directas na materia, pois estas son da Xunta de Galicia e do Goberno Central; pero si temos, como dicía, un firme compromiso por atender as necesidades e prioridades dos nosos veciños. E a primeira prioridade é o emprego. Por este motivo, dende a Deputación levamos feito un esforzo inversor superior aos 20 millóns de euros na xeración de máis de 1.000 novos postos de traballo nos 67 Concellos da nosa provincia. Este investimento correspóndese con todos e cada un dos plan de emprego que ofrecemos a desempregados lucenses de todas as idades”.

“Pero a maiores destas programacións, puxemos en marcha a chamada Axencia de Colocación, hoxe presente nesta Feira. Trátase dun servizo totalmente gratuíto a través do que poñemos en contacto aos demandantes de emprego da nosa provincia cos ofertantes do mesmo. Para elo, recollemos os perfís profesionais dos lucenses que buscan traballo; así como as necesidades laborais das empresas ou colectivos da nosa provincia. Froito deste traballo, o vindeiro mes 185 lucenses, actualmente no paro, comezarán a traballar noutras tantas entidades da nosa provincia”.

“Queda moito traballo que facer, pois na base de datos da nosa Axencia de Colocación contamos cos perfís profesionais de máis de 2.000 lucenses que desexan mellorar a súa situación laboral. Hoxe temos unha grande oportunidade para avanzar neste traballo, coñecendo de primeira man as necesidades laborais das 20 compañías que participan nesta feira; comprobando se na nosa base de datos existen perfís profesionais que poidan satisfacelas; e recollendo a información de todos os mozos lucenses que se acheguen a esta xornada para axudalos na súa inserción laboral”.

Exit mobile version