Site icon Crónica3.com A Mariña

A escultora Soledad Penalta presenta en Foz a súa obra artística

Foz 24-4-18. As xornadas “Sentirmos a Arte”, organizadas pola asociación cultural A Pomba do Arco no marco do Mes das Artes Plásticas da Mariña, terán continuidade o mércores 25 de Abril ás 20.30 no CENIMA de Foz cun relatorio a cargo a cargo a escultora Soledad Penalta baixo o título “Do obxecto ao suxeito”
Soledad Penalta, nada en Noia, é unha das máis significadas escultoras galegas, cun traballo que comeza a principios da década dos setenta coas súas primeiras pezas en cerámica, porén non será até década dos noventa cando principiou a traballar con fundicións en bronce, ferro e aceiro salientando as esculturas de gran formato para exterior, algunhas das cales están expostas publicamente, como no paseo marítimo d´A Coruña ou no parque escultórico da Torre de Hercules.
A palestra de Soledad Penalta, servirá para divulgar e explicar a súa obra, exhibida ao longo da súa cumprida traxectoria en múltiples localidades de Galiza, no conxunto do Estado e noutros espazos de Europa e América. Ao tempo os seus traballos están presentes nunha boa parte dos museos galegos, en centos de coleccións públicas e privadas así como en diversos espazos públicos das vilas e cidades do país. A escultora, que recentemente ven de ser nomeada para ingresar na Academia galega de belas artes, mereceu diversos galardóns, significando por riba da súa obra cerámica as pezas de ferro, onde atopamos a súa personalidade máis callada e definidora, nas que absorbeu modos que se inician en Gargallo e van ata Chillida.
As xornadas Sentirmos a Ate terán continuidade o xoves 26 de abril ás 20.30 no CENIMA de Foz cunha montaxe artística musical a cargo de Xiao Berlai e Ernesto Gónzález baixo o título de Desconhecido. Un proxecto de Berlai: musica, poesía e banda deseñada.”

Exit mobile version