Site icon Crónica3.com A Mariña

A mancomunidade de municipios da Mariña asinará o vindeiro luns, 30 de abril, o convenio de colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia

A Mariña, 26 de abril de 2018. O presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Alfredo Llano, asinará o vindeiro luns, 30 de abril, en Santiago, o convenio de colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia, que contempla 80.000 euros para este ano e a mesma cifra para o 2019. Llano contou que o pleno da Mancomunidade previsto para este pasado martes foi aprazado para o día 10 de maio. Vaise celebrar en Riotorto.
O presidente da Mancomunidade explicou que “tíñamos convocado un pleno ordinario para este pasado martes día 24, pero debido á falta xustificada dalgúns membros da Mancomunidade, decidimos pasalo para o xoves día 10 en Riotorto”.
Alfredo Llano dixo que “ata o día 10 imos reunirnos a comisión de seguimento que está integrada polo alcalde de Ribadeo, a concelleira do PP en Burela Diana Durán e por min como presidente. Imos ir dándolle para adiante ás bases de licitación para a empresa que queremos que se encargue da xestión de turismo para este ano e para o ano que ven, e tamén para licitar a xestión do Plan Coopera, deste premio que acabamos de gañar polo programa Catuxa”.
Llano referiuse tamén á sesión plenaria do 10 de maio e algúns dos asuntos que se van debater: “tamén daremos conta nese pleno do reparto que fixemos para este ano de 5.000 euros para deportistas, para asociacións deportivas, para clubs e para a xente que se dedica ao deporte e quere facer promoción da Mariña polos distintos sitios aos que vai. Fíxose o reparto de acordo a unhas bases, houbo unha participación de sete entidades e todas levan algo, máis ou menos segundo a importancia no desenvolvemento da promoción da Mariña lucense como destino turístico”.
O presidente da Mancomunidade da Mariña engadiu que “informaremos ademais das reunións con Feve, das infraestruturas que nos afectan e tamén de diferentes subvencións e aplicacións que estamos pendentes de resolución, e intentaremos entre todos procurar dar as máximas posibilidades de desenvolvemento da Mariña, que é a nosa responsabilidade”.
Alfredo Llano anunciou que “o próximo luns tamén vou ir a Santiago a firmar o convenio de colaboración da Axencia de Turismo de Galicia coa Mancomunidade da Mariña. Son uns 80.000 euros anuais para este ano 2018 e para o ano 2019. A partir de asinar ese convenio xa empezamos a facer as aplicacións que correspondan e o desenvolvemento dos programas que están previstos. É unha boa cousa poder dispoñer destes cartos e intentaremos aplicalos da mellor maneira para que o desenvolvemento turístico na nosa comarca sexa o máis efectivo posible”.

Exit mobile version