Site icon Crónica3.com A Mariña

A Mancomunidade de municipios da Mariña deberá crear unha xerencia para xestionar a promoción turística da comarca. Alfredo Llano levará este asunto ao pleno do 10 de maio

A Mariña, 30 de abril de 2018. A Mancomunidade de Municipios da Mariña deberá crear unha xerencia para xestionar a promoción turística da comarca e as subvencións da Xunta neste campo. O presidente da Mancomunidade, Alfredo Llano, mantivo un encontro esta mañá na Axencia de Turismo de Galicia e levará o asunto ao pleno da Mancomunidade, que se celebrará o 10 de maio en Riotorto.
Alfredo Llano declarou que “entre outras cousas ten que haber unha modificación do xeito de levar adiante o convenio. Teremos que colocar unha xerencia propia da Mancomunidade. Imos intentar facer este ano un convenio única e exclusivamente de momento para o 2018 con revisión para o 2019, en función destes cambios que habería que facer”. Sería esa xerencia a encargada da promoción turística da comarca, algo que nos últimos anos estaba a realizar unha empresa experta na materia. Esa xerencia tamén tería que xestionar as subvencións concedidas pola Xunta nese ámbito.
Llano anunciou que “vou comentar na sesión plenaria do día 10 as recomendacións da Axencia Galega de Turismo. É fácil que dispoñamos de máis cartos, pero ten que ser en función das achegas que tamén aporten os Concellos”.
O presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña subliñou que “hai unha nova fórmula para redactar o convenio que pode interesar moito que se aplique na Mariña, a través dunha xerencia propia de turismo. Hai tamén un cambio, esperemos que sexa así, para facer un convenio para o 2018, e para o ano que ven poñernos á altura de calquera outro xeodestino da provincia de Lugo, incluso de Galicia, e se é posible con máis disposición económica”.
Alfredo Llano engadiu que “agora en principio hai que facer o convenio para este ano, e procurar levalo de maneira vantaxosa para facer un bo programa co que o xeodestino da Mariña medre en atractivos e actividades. Isto teño que comentalo cos meus compañeiros para que entre todos decidamos a nova fórmula para levar adiante a xestión da Mancomunidade con respecto ao turismo”.

Exit mobile version