Site icon Crónica3.com A Mariña

“Peregrinación dos equipos de fútbol ribadenses”

Podemos definir a actual situación dos clubs de fútbol de Ribadeo de auténtica peregrinación porque estes últimos fins de semana aos equipos da SD e do Ribadeo FC tocáballes xogar na casa pero tiveron que facelo en campos dos concellos de Barreiros, A Pontenova, Foz, etcétera, debido as condicións deplorables nas que se atopa o estadio municipal Pepe Barrera. En primeiro lugar hai que darlles as grazas aos equipos e aos Concellos que están prestando os seus campos para que tanto o Ribadeo FC como os equipos das diversas categorías da SD poidan disputar os seus partidos.
Esta situación é lamentable, como tamén o é que despois de quince anos que leva esta xente gobernando o Concello de Ribadeo digan que agora hai que facer un proxecto, que hai que expropiar, que hai que … O que hai é que traballar porque en quince anos non fixeron absolutamente nada neste asunto. E podían ter feito algo porque cobran todos os meses. Levan quince anos gobernando e a situación do campo de fútbol municipal é deplorable. Aparte das molestias que ocasiona aos equipos de fútbol de Ribadeo esta situación tamén repercute negativamente na hostalería ribadense e para todo o pobo en xeral, porque os partidos que deberían disputarse na casa teñen que celebrarse fóra de Ribadeo.
O equipo de goberno di que xa se fará e agora falan da tempada 2019-2020. Será porque hai eleccións municipais, no que sempre están pensando. Entón como non fixeron nada neste aspecto, como noutros moitos, durante todos estes anos a ver se agora, xa que se achegan as eleccións, se moven algo máis.
Jesús López Penabad (portavoz do Partido Popular en Ribadeo)

Exit mobile version