Site icon Crónica3.com A Mariña

A Plataforma Sanitaria anima a veciñas e veciños con agardas excesivas para rehabilitación a presentar reclamacións e mesmo se ofrece a canalizarllas

A Mariña 26 de abril de 2018. A Plataforma Sanitaria, coñecedora do gran número de casos de pacientes que levan agardando tempos que son xa intolerables para facer rehabilitación, anímaos para que presenten reclamacións pois parece que é o único xeito de que a xerencia atenda as necesidades dos mariñaos e mariñás. A Plataforma Sanitaria tamén se ofrece para redactarlles as reclamacións e presentalas polo rexistro, se precisan e mesmo difundilas na prensa.” Sabemos que o número de persoas que levan agardando meses e mesmo un ano ou máis pola rehabilitación é moi elevado. Esto por si mesmo xa é un dato obxectivo da deriva da atención sanitaria que se esta a producir na Mariña e que se deteriorará ainda máis cando a nova lei de saúde se desenvolva”- indica o portavoz da Plataforma.
Os xeitos de contactar coa Plataforma Sanitaria son a través do seu correo electrónico, plataformasanitaria@gmail.com, a través da sua páxina de Facebook “Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña” ou tamén nas mesas informativas da Unidade Móbil de Axuda coas Reclamacións ( UMAR ), que periódicamente colocamos no Hospital da Costa o primeiro martes de cada mes ( mércores se cadra festivo), ou nos Centros de Saúde o terceiro martes do mes.
AS INSTALACIÓNS QUE HAI EN ATENCIÓN PRIMARIA ESTÁN INFRAUTILIZADAS OU SON INEXISTENTES.
Non é a primeira vez que a Plataforma sanitaria fai denuncia pública da situación na que se atopa o servizo de Rehabilitación na comarca e das masivas derivacións que se están a facer a centros privados que non son quen de desconxestionar a situación nen de dar un servizo óptimo aos pacientes.
Levamos moito tempo demandando que se contrate persoal para abrir en quenda de tarde ximnasios dotados e en funcionamento durante a mañá en centros de saúde de Viveiro e Ribadeo. O caso do ximnasio de Foz é ainda máis chamativo porque aí se están a derivar pacientes dos Concellos de Mondoñedo e Lourenzá tendo instalacións propias no Centro de Saúde de Mondoñedo e que manteñen pechadas . “ Esto xenera gastos excesivos e innecesarios ao sistema sanitario público ao ter que pagar desprazamentos a pacientes, máis molestias ainda aos pacientes e a ocupación dun ximnasio que ben se podería estar utilizando para o Concello de Foz . O ximnasio de Foz deberá dotarse con dúas fisioterapeutas en quenda de mañá e outras dúas en quenda de tarde e habilitar o de Mondoñedo tanto na mañá como na tarde- explican desde a Plataforma.
Máis sangrante ainda é o caso de Burela ,que carece de servizo de fisioterapia no centro de saúde. Desde o gobernó da Xunta contestaron cando se reclamou a creación do servizo que “ non era necesario pois xa tiñan en Burela o servizo no hospital”. Esta carencia coloca nunha situación de desigualdade aos pacientes de Burela respecto a outros Concellos ,xa que os médicos de familia de Burela non poden prescribir rehabilitación coma nos outros lugares.” No caso de Burela @ medic@ de familia ten que derivar á facultativa de Rehabilitación do Hospital , onde hai unha lista de agarda enorme e a profesional ten que atoparlle un oco na fisioterapia hospitalaria ou derivalos directamente cara á privada. A ausencia de Fisioterapia no centro de saúde de Burela provoca unha masiva derivación de pacientes cara á privada e unha saturación no xa colapsado servizo de Fisioterapia do Hospital da Costa.A situación é caótica- conclúen.

Exit mobile version