Site icon Crónica3.com A Mariña

A sexóloga Martina González impartirá este xoves, día 26, unha charla obradoiro sobre a sexualidade nas diferentes idades. Está organizada pola concellaría de igualdade de Ribadeo

Ribadeo, 24 de abril de 2018. A sexualidade nas diferentes idades é o título da charla obradoiro que pronunciará a sexóloga Martina González o vindeiro xoves, 26 de abril, ás 20 horas no Teatro. A actividade está organizada pola Concellaría de Igualdade.
Desde o CIM sinalan que “o que aprendemos sobre sexualidade lévanos a entendela dende un modelo reprodutivo, no que hai uns pasos que seguir que culminan co coito e co orgasmo. Esta concepción entendida como a única forma ou o xeito máis gozoso de ter sexo lévanos a crenzas erróneas sobre a sexualidade das persoas adultas maiores, coma a de que todas son heterosexuais, con parella estable e coas mesmas prácticas, ou que as persoas maiores non teñen relacións sexuais a partires dunha idade. Mitos coma que as mulleres coa idade teñen menos desexo, e o medo e a vergoña a falar deste tema, dificultan a vivencia positiva e satisfactoria. Como o coñecemento é poder, esta actividade pretende achegar recursos para desaprender o que nos contaron que nos tiña que pasar e gustar, e aprender a pensar no que nos gusta e nos vai ven”.
Os obxectivos desta actividade pasan por “reflexionar sobre a nosa mochila sexual; desmontar os mitos asociados á sexualidade e ao envellecemento;. coñecer que cambios se producen no noso corpo propios da idade e a súa
influencia na sexualidade; adquirir coñecementos fundamentais sobre o propio corpo: anatomía, funcionamento, respostas sexuais; saber que papel desempeñan as nosas emocións na sexualidade e na xestión
dos cambios; adquirir ferramentas para unha vivencia positiva, informada e diversa da sexualidade”.
Na charla obradoiro deste xoves “promoverase a reflexión e a participación mediante diferentes dinámicas, nun ambiente distendido e positivo. Favorecendo un espazo seguro e respectuoso adaptado ao ritmo e as necesidades e sentires do público participante”. A duración será de hora e media a dúas horas.
A encargada de impartir esta charla teórico-práctica é Martina González, psicóloga xeral sanitaria, especializada en sexoloxía, terapia sexual e de parella. Especialista en Intervención e Acompañamento Psicolóxico en Diversidade Sexual e de Xénero. Técnica en Animación Sociocultural. Divulgadora científica, deseña e leva a cabo numerosas actividades educativas e formativas, tanto para público xeral como para institucións, organizacións e profesionais. Conta con numerosas intervencións en congresos e xornadas de sexoloxía. Fundadora e directora do Centro de Sexoloxía Con mucho gusto! Colaboradora habitual en medios de comunicación (prensa, radio e televisión), actualmente conta coa sección semanal Consellos con Sexo no programa Galicia por Diante de Radio Galega. Vogal da Sociedade Internacional de Especialistas en Sexoloxía (SÍSEX). Membro da División de Psicoloxía Clínica e da Saúde do Consello Xeral de Psicoloxía de España. Membro da Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica (AGC CCT).
A Concellaría de Igualdade organiza tres charlas durante os meses de abril e de maio nas que se abordarán cuestións como a sexualidade da muller nas diferentes idades (que é a que ten lugar este xoves), o impacto emocional da diagnose oncolóxica e a sexualidade e o cancro.

Exit mobile version