Site icon Crónica3.com A Mariña

A xestión económica do Partido Popular en Barreiros impón novos recortes nos investimentos, denuncia o BNG

Barreiros, 21 de abril de 2018. “A xestión económica do Partido Popular á fronte do goberno de Barreiros volve a ter consecuencias nos investimentos que se poderán realizar durante os anos 2018 e 2019, tal e como se desprende do plan de axuste que o goberno municipal leva a pleno o mércores da semana que vén”, informa o BNG.
Co peche da liquidación do ano 2017, confirmáronse as advertencias que desde o BNG se veñen realizando a respecto da xestión dun goberno municipal máis preocupado dos seus propios problemas que dos problemas das veciñas e veciños”, afirman desde a formación nacionalista.
“A gravidade desta situación no Concello de Barreiros é que este goberno municipal caracterízase por unha clarísima falta de ideas e de investimentos, polo que superar en 70.000 euros o gasto permitido é consecuencia do despilfarro en gastos que non reverten nos intereses veciñais”, explica Ana Ermida.
Reducir investimento propio e cartos para desbroces.
A proposta do goberno municipal é recortar eses máis de 70.000 euros en investimento propio e en desbroces. “É gravísimo que o que pretendan sexa recortar aínda máis os escasos investimentos que fai o Concello con fondos propios e en labores de desbroce, precisamente investimentos xa moi reducidos e dos máis necesarios en Barreiros”, explica a portavoz municipal Ana Ermida.
“A nosa proposta é que eses cartos se reduzan en gastos que non benefician ás veciñas e veciños. Teñen 50.000 euros de gastos en avogado, 10.000 euros en protocolo e outros tantos en propaganda. Mesmo 40.000 euros en salario do alcalde que, á vista está, non cumpre co seu traballo e, polo tanto, non beneficia ás veciñas e veciños”, asegura Ana Ermida.
“Esta situación supón outra vez apretarlle os cinturóns ás veciñas e veciños que van ver como a xestión do PP e as normas ministeriais priorizan calquera outra cuestión antes que os intereses veciñais”, aseguran. “Desde logo, con esta xestión o único que se está a conseguir é que as veciñas e veciños paguen cada vez máis, teñan peores servizos e, mesmo as persoas e empresas que prestan servizos ou traballan para o concello teñen que agardar meses para cobrar polos traballos que prestan.”

Exit mobile version