Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta facilitou máis de 200.000 euros a obras e servizos desenvolvidos no municipio do Valadouro

O Valadouro, 25 de abril de 2018.- A Xunta de Galicia destinou 202.328 euros a obras e servizos desenvolvidos no municipio do Valadouro a través do Fondo de Compensación Ambiental. Deste montante total, 171.666 euros corresponden á liña non competitiva e serviron para financiar a conexión á rede de saneamento da zona do campo de fútbol do Árbol, entre outros proxectos.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou hoxe esta actuación sufragada coas achegas da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Estivo acompañado polo alcalde da localidade, Edmundo Maseda, e polo xefe territorial da consellería de Presidencia en Lugo, José Manuel Rozas, entre outros.

A obra de saneamento do Campo do Árbol contou cun investimento de máis de 100.000 euros, e incluíu a instalación da tubaxe necesaria, construción de pozos de rexistro de formigón e reposición dos pavimentos afectados. A rede atravesa as estradas LU-152 e LU-160 ata chegar ao punto de conexión.

O Fondo de Compensación Ambiental financiou tamén a adquisición por parte do concello dun tractor desbrozador, por importe de 30.000 euros, para empregar en labores de prevención e extinción de incendios. Igualmente, a Xunta sufragou custos de persoal dos servizos municipais relacionados coa limpeza viaria e co mantemento de espazos naturais.

Por outra banda, a través da liña de concorrencia competitiva do Fondo de Compensación, a Vicepresidencia achegou máis de 40.000 euros para un proxecto compartido entre Alfoz e O Valadouro, a xestión conxunta do servizo de recollida domiciliaria do lixo e o punto limpo, situado neste último municipio.

O delegado territorial subliñou que o Goberno galego “continúa a desenvolver medidas para potenciar e apoiar a prestación de servizos por parte dos concellos galegos con subvencións directas procedentes do Fondo de Compensación Ambiental que o Goberno galego creou no 2010”.

Neste sentido, explicou que as axudas da liña non competitiva do fondo correspóndelles aos concellos que teñen no seu territorio municipal un parque eólico ou están afectados pola correspondente instalación de conexión ou vía de evacuación. Están destinadas a financiar actuacións globais destinadas á conservación, reposición e restauración do ambiente e reequilibrio territorial.

Exit mobile version