Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta informará en Viveiro da recente convocatoria de axudas para fomentar a contratación de mozos menores de 30 anos

Viveiro (Lugo), 23 de abril de 2018.- A Delegación territorial da Xunta en Lugo informará hoxe en Viveiro da nova convocatoria de axudas para fomentar a contratación de mozos e mozas menores de 30 anos publicada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, unha liña dotada con 1,8 millóns de euros e que prevé dous posibles incentivos, un pola contratación e outro pola formación do traballador.

Esta será unha das principais novidades das que se dará conta na xornada informativa organizada pola consellería e o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) en colaboración co Centro Comercial Casco Histórico de Viveiro e que contará coa participación do delegado territorial, José Manuel Balseiro. Celebrarase a partir das 20.30 horas de hoxe na sala de exposicións do concello vello (actual biblioteca) con acceso libre e gratuíto.

O delegado sinalou que os técnicos informarán sobre o conxunto de axudas e servizos que ofrece a Xunta de Galicia, que se poden agrupar en “dúas grandes liñas de actuación: En primeiro lugar, apoios dirixidos a fomentar o emprego, e en segundo lugar apoios dirixidos a crear ou facer medrar un proxecto empresarial”.

O obxectivo é que os empresarios e emprendedores interesados poidan coñecer con anticipación as distintas subvencións dispoñibles e as datas previstas para solicitalas.

Exit mobile version