Site icon Crónica3.com A Mariña

Ao Pescados Rubén escápalle a Copa Galicia a 24 centésimas

Burela 1-4-18. O pavillón da Raña de Marín desbordou emoción na gran final da XII Copa Galicia, nun intenso duelo entre o Pescados Rubén Burela FS e Poio Pescamar FSF, que souberon agarrar con forza as pontevedresas, a 24 centésimas da bucina final, co definitivo 4-5. As pupilas de Julio Delgado e Lucas deron alas ao soño laranxa recompoñéndose dun 0-3 en contra; a remontada mariñá comezou no minuto 27 ata o 4-4 a tan só 22 segundos para o final, pero na última xogada as campioas galegas validaron o título.

Superado o ecuador da primeira parte Ana Romero estivo moi atenta ante Ceci a balón parado, pero nada puido facer na seguinte xogada con saque de esquina da ex–burelista que culminou Iria Saeta. Así se adiantaba o Poio no minuto 11. Jenni, coa cara, mantivo a rede pontevedresa a cero, fronte a Tai, nun rexeite. A falta de catro minutos e medio para o descanso, Bea Mateos liderou o xogo de cinco. Lara protagonizou a primeira con perigo segundos despois, ante o despexe da gardameta de Poio; a 10 burelista volveu intentalo, con Dany a punto de culminar. O disparo afastado de Cami foise por pouco a falta de tan só 6 segundos para o descanso.

Na volta ao parqué Lara e Cilene dispuxeron de excelentes ocasións para igualar, en senllas asistencias de Dany. Non puido ser e tocoulle a quenda a Poio; no minuto 22, Lara salvou a rede laranxa tras saída errada de Jozi e no 23 Ceci recibindo case dende o chan soubo como bater a portería mariñá soa frente á brasileira. Jozi e Dany aliáronse tan só dous minutos despois para frear primeiro a Ceci e despois a Daniella. Nova aposta polo xogo de cinco para as de Julio Delgado e Lucas e recompensa case inmediata, con diana culminada por Cilene (minuto 27). Cobraban folgos as laranxas, pero cando parecía que estaba a punto de chegar o segundo burelista, aproveitou o Poio. Ceci anotou o 1-4, no minuto 31, con Cami baixo a liña de meta, tras o rexeite de Iria Saeta. Non baixou os brazos o Pescados Rubén e axiña atopou o merecido premio, con Jenny (minuto 33) e Dany (minuto 36), reducindo ata o 3-4. Con 4’50” por diante, as burelistas non cesaron no seu empeño. A Bancada Laranxa estalou co empate de Dany, a pase de Jenny, restando 22 segundos, pero a fortuna non estivo do lado burelista. Na última xogada, a tan só 24 centésimas, o Poio conseguiu agarrar o título tras saque de esquina finalizado por Jenni.

I Minicopa Infantil tamén para as ‘Rojillas’

A base do Poio Pescamar (2-0) alzouse co título da I Minicopa fronte á Fervenza-Burela FS, nunha cita disputada como antesala da gran final. As representantes laranxas ofreceron unha grande imaxe facendo fronte a unha das escolas de máis renome no fútbol sala feminino galego. O título decantouse para as pontevedresas no último cuarto do encontro, con doble diana de Mónica (minutos 32 e 35).

Ficha técnica

Pescados Rubén Burela FS: Ana Romero, Dany, Cilene, Lara, Bea Mateos, cinco inicial; tamén xogaron Tai, Cami, Jenny, Jozi, Judith

Poio Pescamar FSF: Silvia Aguete, Ale de Paz, Jenni, Iria Saeta, Ceci, cinco inicial; tamén xogaron Delise, Daniella

Goles: 0-1, minuto 11, Iria Saeta; 0-2, minuto 23, Ceci; 0-3, minuto 26, Daniella; 1-3, minuto 27, Cilene; 1-4, minuto 31, Ceci; 2-4, minuto 33, Jenny; 3-4, minuto 36, Dany; 4-4, minuto 40, Dany; 4-5, minuto 40, Jenni.

Árbitros: Manteiga Rodríguez // Fernández Becerra (Galicia). Por Burela amarela para Jenny (minuto 11), Judith (minuto 34).

Incidencias: Partido correspondente á final de XII Copa Galicia Feminina de Fútbol Sala disputado no pavillón da Raña de Marín.

Exit mobile version