Site icon Crónica3.com A Mariña

Apaga organiza unha nova fin de semana tecnolóxica este sábado, 28 de abril, en Ribadeo. En maio a asociación realizará unha enquisa polas empresas de reparación do automóbil co fin de coñecer as demandas de formación para os seus traballadores

Ribadeo, 25 de abril de 2018. Apaga (Asociación de Profesores de Automoción de Galicia) organiza unha nova fin de semana tecnolóxica o vindeiro sábado, día 28. Será nas instalacións do hotel O Cabazo en horario de mañá e tarde. Álvaro Doural anuncia que Apaga realizará en maio unha enquisa entre as empresas do sector para coñecer as súas necesidades en materia de formación para os seus traballadores.
O presidente de Apaga, Álvaro Doural, dixo que “continuando coas fins de semana tecnolóxicas, o próximo día 28, sábado, teremos un curso de oito horas de pequenas comprobacións de utilización de equipos de diagnose. Todo ese tipo de comprobacións que se poden facer nun vehículo para realizar a súa diagnose e despois a reparación oportuna”.
Doural salientou que “estes cursos están tendo unha gran afluencia, especialmente do sector de empresas, xente de talleres que ademais ven de lonxe. Hai algunha xente neste curso que ven de Oviedo, Xixón, Avilés, e outra que ven de Coruña. Está collendo bastante forza todo o tema dos cursos pola gran necesidade que hai de formación debido aos cambios tecnolóxicos que está habendo nos vehículos continuamente”.
O presidente de Apaga sinalou que “o curso deste sábado é para 15 persoas e vaise desenvolver en horario mañá e tarde, nas instalacións do hotel O Cabazo de Ribadeo. Para o próximo mes hai programados outros cursos que se van anunciar no seu momento”.
Doural declarou que “o departamento de Formación da asociación vai ter unha reestruturación importante e dándolle a forza que é necesaria. Ata este momento as fins de semana tecnolóxicas foron unha proba de cómo podía funcionar isto, pero a experiencia deste ano é que a nosa idea que era de facer un curso cada mes está cumpríndose amplamente. Hai meses que se fan dous e tres cursos. A idea é potenciar ao máximo todo o tema de formación. É importante dar un servizo ao sector empresarial, ao que é a formación continua dos traballadores en activo”.
O presidente de Apaga manifestou que “se vai facer un estudo o mes de maio, das necesidades. Vanse visitar as empresas e os talleres e vaise valorar mediante unha pequena enquisa as súas necesidades. Despois imos mirar de deseñar unha serie de cursos que respondan ás necesidades desta xente que está traballando. Penso que é unha obrigación nosa, como asociación sen ánimo de lucro, potenciar a formación profesional”.
Prácticas de alumnos
Apaga continúa desenvolvendo o proxecto Impulso a Empleabilidad coa mobilidade de 20 alumnos de grado medio de electromecánica de vehículos e carrocería da familia profesional de Transportes e Mantemento de Vehículos.
Álvaro Doural lembrou que “nesta ocasión dous alumnos do CIFP Ferrolterra, de Ferrol, 2 alumnos do CIFP Profesor Raúl Vázquez, de Madrid, realizan en abril prácticas na empresa de Pontevico (Italia) Carrocería Multicar. Tamén durante o mes de abril 4 alumnos do IES Val do Asma, de Chantada, fan prácticas en Brescia. Estas estarán coordinadas polo centro dos alumnos que estiveron en Ribadeo hai uns meses. E tamén en abril 4 alumnos do IES Miguel de Cervantes, de Murcia, están a facer prácticas en Lisboa no Concesionario Ford”.
Ademais en maio 4 alumnos do CIFP Virgen del Camino, de Pamplona, realizarán practicas na empresa BMW de Zagreb e xa pa rematar o proxecto outros catro alumnos do IES Miguel de Cervantes, de Murcia, farán tamén practicas en Brescia, Italia.

Exit mobile version