O curso versou “sobre as pequenas comprobacións de utilización de equipos de diagnose para despois realizar as reparacións oportunas”. Impartiuse en horario de mañá e tarde nas instalacións do hotel O Cabazo, en Ribadeo.
Álvaro Doural fixo un balance moi positivo desta nova cita “xa que contamos con 16 persoas, de diferentes empresas, procedentes de Avilés, Xixón, Ferrol, Pontevedra, Viveiro e Ribadeo. Estamos contentos porque está collendo bastante forza todo o relativo aos cursos pola gran necesidade que hai de formación, debido aos cambios tecnolóxicos que se están producindo nos vehículos continuamente”.
O presidente de Apaga subliñou que “ata este momento as fins de semana tecnolóxicas foron unha proba de cómo podía funcionar isto. E debido aos resultados acadados a idea é potenciar ao máximo a formación. É importante dar un servizo ao sector empresarial, ao que é a formación continua dos traballadores en activo”.
Doural anunciou que “se vai facer un estudo o mes de maio, das necesidades. Vanse visitar as empresas e os talleres e vanse valorar mediante unha pequena enquisa as súas necesidades. Despois imos mirar de deseñar unha serie de cursos que respondan ás necesidades desta xente que está traballando. Penso que é unha obrigación nosa, como asociación sen ánimo de lucro, potenciar a formación profesional”.