Site icon Crónica3.com A Mariña

Balseiro corrixe a Loureiro e lembra que os 95.000 euros que Viveiro recibe da Xunta a través do fondo de compensación ambiental son consecuencia dunha lei impulsada por Feijóo en 2010 e ante a que o PSOE votou en contra

Lugo, 19 de abril de 2018. O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, corrixiu a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro ao lembrarlle que os preto de 95.000 euros que cada ano este concello recibe da Xunta en concepto de Fondo de Compensación Ambiental teñen a súa orixe nunha lei impulsada polo Goberno Feijóo no ano 2010, e ante a que o PSOE, no seu momento, votou en contra.

Non son, en consecuencia, fondos procedentes da Unión Europea como aseguraba a rexedora senón fondos da Xunta que se recadan a través do canon eólico, un imposto que a administración autonómica cobra ás empresas que teñen instalados parques eólicos e que despois a Xunta distribúe entre os concellos galegos -garantindo en todo caso achegas para os que teñen instalacións eólicas- para promover obras de interese para a súa veciñanza, como por exemplo, as executadas na mellora da rúa Grande de Celeiro.

Balseiro lamenta o descoñecemento da alcaldesa xa que ou ben está mal informada, ou mal asesorada ou incorreu nun intento desesperado por restar importancia e agochar ás achegas económicas que o Concello de Viveiro recibe da Xunta. Balseiro di que se Loureiro aparece en prensa recoñecendo estes apoios do Goberno galego amosaríase como falso ese argumento que tanto lles gusta manter e que fala dunha presunta discriminación da Xunta a este municipio, que os feitos desmenten.

Para Balseiro calquera investimento que redunde en beneficio da veciñanza de Viveiro debería ser valorado como positivo pola alcaldesa, proceda de onde proceda e, nese senso, emprázalle a seguir colaborando coa Xunta e empregando os recursos do Fondo de Compensación Ambiental e outros que estean por vir e Viveiro recibe da Xunta para sacar adiante obras e servizos en interese das e dos vivairenses.

Exit mobile version