Mais esta vizosa realidade non pode agachar a grave responsabilidade da Igrexa Católica no seu apoio aon fascismo italiano e ao franquismo español, na represión da liberdade sexual e subordinación das mulleres e na súa actitude ambivalente, cando non cómplice, nos casos de abusos sexuais a menores por parte de eclesiásticos. Responsabilidades todas que a Igrexa ha recoñecer e que semella que, baixo a dirección do Papa Bergoglio, quere enfrontar, malia que, quizais, non coa dilixencia e celeridade esixíbeis.
A liberdade relixiosa esixe a aconfesionalidade . É dicir, que os Poderes e Administracións Públicas non teñan relixión oficial, polo que non é constitucional que alcaldes, conselleiros ou ministros asistan no exercicio dos seu cargo – e si como cidadáns- a procesións, votos, ofrendas ou misas, por moita tradición que teñan. Esa presenza era historicamente comprensíbel cando Europa era a “universitas christiana”, antes da laicidade traída polas revolucións liberais e democráticas, mais non agora. Católicos, xudeus, agnósticos e ateos teñen o mesmo dereito a percebir neutrais aos Poderes Públicos.
Mais esta aconfesionalidade ha de se entender en clave de laicidade positiva e non de laicismo. É dicir, que os Poderes Públicos han colaborar coas confesións relixiosas dentro da lei e as manifestacións relixiosas poden ocupar os espazos públicos, sen ter que se cinguir ao ámbito privado. Velaí a plena compatibilidade das procesións de Semana Santa cunha aconfesionalidade democrática.
Porén, o que sobarda todas as regras democráticas do Estado de Dereito é que catro ministros asistan a unha procesión onde se defenden valores autoritarios e militaristas incompatíbeis coas liberdades e coa mensaxe actualizada da Igrexa que hoxe dirixe Bergoglio.
Ao César o que lle pertence.