Site icon Crónica3.com A Mariña

Con Pólvora e Magnolias. “Cifuentes e os sumidoiros do Estado”

Os peores negocios son os que se fan en familia, iso sábeo calquera. Toda unha vida de lealdade, de compromiso coa causa, para rematar afastado coma un xoguete roto, como o neno aquel que sempre xoga só.
A presidencia de Cifuentes finou un día de primavera. Certo é que o cambio de estación non trouxo máis que infortunios para a que, ate non hai moito, referenciaba o recambio xeracional do seu partido. O balbordo degolou á que se reivindicaba como azote da corrupción.
Cifuentes, filla dun xeral de artillería coruñés, afiliouse ás NNXX con dezaseis anos. A sensibilidade política agrela con forza na xuventude, cousas da tentación da inocencia.
A universidade é un espazo farto de xente comprometida, razón pola cal a moza Cristina, estudante de Dereito na Complutense, participou de forma activa na campaña de respaldo a Gustavo Villapalos como decano da facultade e logo como reitor da Universidade.
A academia quedou atrás para un Villapalos que de reitor pasou a Conselleiro de Educación, Cultura e Deportes da Comunidade de Madrid do 95 ao 2001, ao tempo que Cifuentes era elixida deputada rexional e parte do Consello de Administración fundacional da Universidade “Rey Juan Carlos”.
Pasado o tempo, coa nosa protagonista colocada na cima do escalafón xerárquico da súa carreira política, foi investida como presidenta da Comunidade de Madrid.
Situada no epicentro do furacán de corrupción que atravesa ao Partido Popular, a primavera do 2018 mudou para sempre a confianza da opinión pública ao respecto da política. Primeiro foi a polémica xurdida no tocante ao máster en dereito autonómico que cursou na “Rey Juan Carlos”, logo o vergoñento vídeo da tentativa de furto de produtos cosméticos nun centro comercial no ano 2011. De súpeto o ambiente impregnouse dun fedor noxento.
O 25 de abril de 2018 a presidenta da comunidade de Madrid dimitía, non polo caso Lezo, ni pola presunta corrupción da cafetería da Asamblea de Madrid, tampouco pola Púnica, pola Gürtel, nin polo saqueo do Canal de Isabel II, nin polo expolio de Bankia, nin por fundir a universidade pública ou por saquear a Xustiza.
Cifuentes dimite despois de que os medios de comunicación publiquen, sete anos máis tarde, a nova do furto de dous botes de cosméticos de 40 €.
Agora os interrogantes son varios: ¿Quen filtrou o vídeo tanto tempo despois? ¿Quen o tiña? ¿Quen pagou por el? ¿Quen informou a propósito de máster Fraudulento?
O certo e que toda esta historia leva trazas de axuste de contas familiar, de vendetta culminada.
Ao meu entender, o furto non deixa de ser una circunstancia insignificante, que dilúe a atención ao respecto da vontade de determinadas familias políticas que compiten por ter o monopolio dese capitalismo de estado e das institucións, (a propia universidade) para así poder perpetuar a súa condición.
Este modus operandi explica de xeito cristalino o financiamento irregular dos partidos, o falseamento da democracia, a perdida de dereitos das clases populares, o tras-base de rendas, o desprestixio da universidade e o ocaso moral da nosa sociedade.
A Cifuentes axustizárona os seus, pero non se engane, que estes tampouco terían reparo algún en facer o propio con vostede ou comigo. Xa se sabe, non o interprete como algo persoal, tan só se trata de negocios.

Exit mobile version