A Mariña 6-4-18. O pasado mércores xuntáronse en Foz as inscritas que formarán o primeiro Grupo Coordinador Comarcal de En Marea, para plantexar o traballo que pretenden desenvolver ó longo do seu mandato. O grupo -integrado por Manuel Germade Mayo, de Mondoñedo, Estefanía Otero Rivas, de Foz, Xavier Arca Uría, de Xove, Thaís Rivera López, de Viveiro e Evaristo Lombardero Rico, de Ribadeo- comezou xa a traballar no desenvolvemento de propostas que nutran a base programática das mareas locais existentes e as novas que poidan xurdir.
As súas compoñentes salientaron a vontade de conformar un grupo amplo de traballo no que terán cabida todas as inscritas de En Marea que queiran achegar as súas ideas e o seu esforzo. Trátase de facer posible na Mariña o cambio das políticas municipais cara á transparencia, a eficiencia económica, a defensa do público e a sustentabilidade que xa está a suceder noutros puntos de Galicia e do Estado.
Nesa estratexia cara o crecemento do grupo, optarase por realizar as xuntanzas comarcais -que terán
carácter aberto e unha periodicidade mensual- de xeito rotatorio polas tres subcomarcas central, oriental e occidental, acudindo ós diferentes concellos onde existen grupos de inscritas interesadas en crear novas mareas locais. Aproveitarase ademais para facelas coincidir coas visitas á Mariña das representantes lucenses no Parlamento Galego e no Congreso, na súa tarefa de recollida de información e rendición de contas do feito na súa labor institucional