Site icon Crónica3.com A Mariña

Continúan as actividades de educación en igualdade nos colexios de Ribadeo con talleres de autodefensa feminista e novas masculinidades

Ribadeo, 20 de abril de 2018. Seguen as actividades de Educación en Igualdade nos colexios de Ribadeo con talleres de autodefensa feminista e novas masculinidades.
Desde a Concellaría de Igualdade explican que “despois das actividades feitas ao longo do mes de marzo nos coles, seguimos coa educación en igualdade por medio de diversas actividades. Desta volta comezamos hoxe cuns talleres dirixidos ao alumnado de 4º da ESO do Colexio Sagrado Corazón, onde as nenas recibiron un curso intensivo de autodefensa feminista. A finalidade é saber responder calquera ataque e/ou agresión física, como recoñecer os indicadores de pre-violencia para poder atallala, ton de voz, a negación da propia identidade a eliminar o noso nome (utilizando o pronome tu, nena, rubia, morena, etc), postura, espazo vital, comunicación non verbal agresiva ou invasiva”.
E engaden que “se traballaron tanto técnicas físicas como elementos emocionais, psicolóxicos, relacionais… E para os mozos fixemos un taller de novas masculinidades. Os cambios nos roles de mulleres e homes e a afán de atopar novas formas e modelos de desenvolvemento persoal e social, fai que se teñan que levar a cabo procesos de reflexións persoais e de grupo. O falar de novas masculinidades, conleva explorar o que significa ser home na sociedade global de hoxe en día, como está relacionada co noso modo de vida e o que implica”.
Estes obradoiros seguirán o 4 de maio para o alumnado dos ciclos de Atención á Dependencia e de Electromecánica e en horario lectivo. E pola tarde no IES de Ribadeo para as integrantes do Comité Lila. E o 7 de maio o alumnado masculino de 1º da ESO do IES de Ribadeo recibirán un taller no que afondarán nas formas de exercer a masculinidade.

Exit mobile version