Site icon Crónica3.com A Mariña

Entregados os premios aos gañadores da XV Ruta de tapas de Foz, que organizou o CCA. José Carlos Paleo dixo que se trata dunha cita consolidada e Javier Castiñeira insistiu diante dos hostaleiros na necesidade do traballo en conxunto

Foz, 25 de abril de 2018. ACIA/CCA de Foz fixo entrega dos premios aos gañadores da XV Ruta das Tapas. O acto celebrouse onte pola noite no Tangarte Mariñeiro e nel recolleron os seus galardóns Bar 78, Anduriña e O Lar de Bustos. Fixeron entrega dos premios o alcalde, Javier Castiñeira, o vicepresidente de ACIA/CCA, José Ginzo, a secretaria da asociación, Olaya Pedrosa, e o presidente, José Carlos Paleo.
O presidente do Centro Comercial Aberto lembrou que “a ruta se puxo en marcha xa hai anos na Semana Santa con moi bo criterio ao meu entender e do de todos. En Semana Santa é unha das actividades fixas para todo o mundo que ven visitar Foz, de feito como ben saben algúns dos premiados deste ano, a cantidade de tapas que se dan durante eses días non é fácil elaboralas e servilas. De todos os xeitos é unha maneira máis de que cando hai xente é cando realmente temos que vender o noso produto e o noso pobo. En Foz é clásica xa a Ruta de Tapas ademais das actividades que haxa, e sempre axuda a que co tempo que temos se fagan vacacións máis gastronómicas porque Galicia Calidade sempre está presente na xente que ven ao pobo e a Mariña”.
José Carlos Paleo subliñou que “imos seguir con esa ruta porque cremos que ten unha boa finalidade na rendabilidade e a xente está contenta, xa despois de quince anos a xente xa conta con iso, así que imos seguir con ese proceso que se iniciou fai quince anos e que xa está consolidado”.
Pola súa banda o alcalde de Foz, Javier Castiñeira, salientou que “con pequenas accións facemos pobo. A de Foz é unha ACIA que naceu a ver o que pasaba no seu momento, loitando contra pobos moito máis comerciais que nosoutros e con moita máis tradición, e agora somos probablemente a ACIA que menos problemas ten para seguir constituída, para seguir traballando e para seguir sendo e tendo un bo equipo”.
O rexedor insistiu en que “temos que quedarnos con que o traballo en equipo é fundamental. Un centra e outro remata, o que queira centrar e rematar só é imposible. Necesitamos todos de un, as zonas vanse facendo se traballamos en equipo, e a competencia está moito máis lonxe de nosoutros. Se nosoutros facemos a marca Foz aínda non é suficiente, temos que facer a marca A Mariña. Dende o Concello estamos tendo unha visión moito máis ampla do que é a promoción turística. Non nos quedamos só con Foz, ímonos xa á Mariña, temos a Oficina de Turismo da Mariña. Hai que empezar a saber vender Catedrais, Viveiro, o bonito de Burela, Sargadelos, esas marcas que nos van axudar a ser mellores nosoutros porque a xente cando ven non sabe onde acaba Foz e onde empeza Burela, para eles é todo o mesmo”.
Javier Castiñeira quixo “felicitar a ACIA e a Paleo non só polo traballo, que é evidente que está facendo como presidente, é unha representación moi importante. Volvemos estar no foco da Mariña e iso é o resultado de ter un bo traballo e un bo equipo detrás, e iso é moi importante para o Concello. Para min como alcalde é un compromiso fundamental estar cos nosos comerciantes, co comercio de proximidade”.
O alcalde dirixiuse aos empresarios dicindo: “non desvanezades. A hostalaría teno un pouquiño máis fácil, cada vez estamos desestacionalizando mellor, o comercio teno máis complexo porque cada vez a competencia é maior. A competencia non é o teu colindante senón que o é un comercio chino ou un señor que lle chaman Amazon que vende de todo, vende ata pulpo galego. As complicacións son máximas pero se está traballando moi ben. O máximo apoio, dende a humildade, tamén do Concello de Foz”.
Tanto o presidente do Centro Comercial Aberto como o alcalde destacaron o traballo realizado para que Foz sexa un importante punto turístico na Mariña e aludiron ás melloras realizadas nas rúas, á posta en marcha de moitas terrazas das que poden disfrutar tanto os veciños e veciñas de Foz como os turistas que pasan alí as súas vacacións.
Javier Castiñeira e José Carlos Paleo felicitaron aos gañadores da XV Ruta das Tapas de Foz e tamén ao resto dos participantes polo seu traballo.
Os gañadores elixidos polo xurado desta cita gastronómica foron Bar 78, cafetería pastelería Anduriña e O Lar de Bustos. E a través do facebook do Centro Comercial Aberto de Foz a tapa que reuniu máis votos como a mellor presentada foi a do Bar 78.

Exit mobile version