Site icon Crónica3.com A Mariña

“Hai unha trama política organizada polo PP para que non abran as residencias”

Lugo, 6 de abril de 2017. O voceiro do Goberno da Deputación, Álvaro Santos Ramos, demostrou este venres a “trama política organizada polo Partido Popular para que non abran as residencias”, desmontando mentiras e desvelando a documentación “errónea” pública do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Xunta de Galicia.

1) MENTIRAS: O acordo que se debate no Pleno Extraordinario da tarde de hoxe é a aprobación do convenio marco da Deputación cos Concellos que define o modelo de xestión das residencias e centros de día. Isto non afecta, en ningún caso, á encomenda de xestión a SUPLUSA, que foi aprobada en 2010 e segue vixente. Pois o que o Executivo da Deputación acordou en Xunta de Goberno foi retirar a SUPLUSA a súa condición de medio propio polos seus múltiples incumprimentos. En dito acordo, ordénaselle a este organismo que execute a encomenda de xestión e continúe coa construción das residencias (Todo isto se pode constatar no acordo da Xunta de Goberno do 9 de marzo de 2018 que se axunta).

Tal e como tamén se pode constatar na documentación que se adxunta, entre outras cuestións aclaratorias sobre as terxiversacións que se están a realizar, a Deputación aprobou en outubro de 2010 unha encomenda de xestión a SUPLUSA para unicamente CONSTRUÍR OS CENTROS DE MAIORES.

O modelo de xestión das residencias non existía. Este foi definido polo Presidente e os Alcaldes en múltiples reunións conxuntas cos Secretarios e Interventores da Deputación e os Concellos para acadar un modelo que cumpra rigorosamente a legalidade ante a nova normativa vixente en materia de contratación e cun obxectivo político conxunto: que os centros de maiores construídos cos fondos públicos de todos os lucenses na Deputación e nos Concellos sexan, por xustiza, para todos os veciños da provincia.

Este modelo, que está sendo un referente en Europa, é o único que garante que as prazas sexan para os veciños da provincia (primeiro para os do Concello onde se sitúa o centro, logo para os da bisbarra e seguidamente para lucenses en xeral), así como o acceso universal ás mesmas, pois inclúe axudas públicas para que, independentemente da capacidade económica dos maiores da provincia, todos os lucenses poidan desfrutar deste servizo con axudas públicas principalmente dende a Deputación e coa colaboración dos Concellos. Trátase dun modelo aprobado por unanimidade nos Concellos de Ribas de Sil, Pedrafita do Cebreiro e Ribadeo, e por maioría (coa abstención do PP) na Fonsagrada, Trabada e Pol.

En definitiva, no Pleno os Deputados pronunciaranse a favor ou en contra da xestión públicas dos centros de maiores e de prazas para todos os lucenses con independencia da súa situación económica.

2) DOCUMENTACIÓN “ERRÓNEA” PÚBLICA: No Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Xunta de Galicia, o portal público galego no que debe figurar toda a información das prestacións sociais que se ofrezan (residencias, centro de día, garderías…) no conxunto da Comunidade tanto dende entidades públicos como privadas, figura a seguinte información “errónea”: (Todo isto tamén se pode constatar na documentación que se axunta e na ligazón)

– SUPLUSA figura como unha administración pública provincial, equiparándoa coa Deputación de Lugo, cando é unha Sociedade Mercantil.

– Os centros de maiores figuran para dependentes. Os permisos que concedeu a Xunta á Deputación para a súa construción, que foron os de creación de centro de día e creación de residencia, son para persoa válidas, é dicir, para non dependentes.

Chama poderosamente a atención que, mentres si se deron á Deputación mencionados permisos, a Xunta non concedeu á Deputación os de PIA (Permisos de Inicio de Actividade) senón que llo deu a SUPLUSA. Foron outorgados sen estar aprobado o modelo de xestión (que é o que se leva ao Pleno de hoxe), o regulamento e as tarifas dos centros de maiores, cuestións nas que están a traballar e teñen aprobar a Deputación de Lugo e os Concellos por seren as administracións públicas coas competencias, especialmente, os municipios, pois téñenas de xeito directo. Todas estas cuestións son imprescindibles, segundo a normativa galega da Xunta, para a concesión dos PIA. Todo isto, a pesares de que tanto a Consellería de Política Social como a propia Presidencia da Xunta de Galicia foron alertadas a través de sendos escritos oficiais da situación irregular de SUPLUSA e da súa perda de condición de medio propio.

– Nos centros figuran uns 60 profesionais, cando nin determinaron ou se contrataron, con xornadas “precarias” de como moito 20 horas á semana, que derivan de presupostos contratos parciais e temporais. Esta información non recolle, en ningún caso, o modelo de xestión pública acordado por Deputación e Concellos, administracións coas competencias.

– Tamén aparecen prezos de ata 1.100 euros por prazas, cando os prezos non están aprobados, pois isto téñeno que aprobar Deputación e Concellos.

“Trama política do PP”
“Se a propia SUPLUSA recoñece que para abrir os centros necesita un acto administrativo da Deputación, que é a aprobación da ordenanza coas tarifas e do regulamento, por que figura esta documentación nun rexistro oficial da Xunta?. Que prezo se utilizou para conceder este PIA? Isto é o que alguén terá que aclarar. Estamos ante a sospeita dunha intencionalidade política clara do Partido Popular, que goberna a Xunta de Galicia e á que se lle trasladou o acordo da Xunta de Goberno sobre a perda da condición de medio propio de SUPLUSA e, polo tanto, da súa incapacidade para facer actos administrativos no nome da Deputación, que é a titular dos edificios, dos servizos e das competencias. Trasladóuselle tanto á Consellería de Política Social como á Presidencia da Xunta de Galicia a situación irregular de SUPLUSA, e, sen embargo, a Xunta de Galicia do Partido Popular segue ditando actos administrativos a favor de SUPLUSA. Cremos que estamos ante unha trama política organizada polo PP que só pretende que non abran as residencias. Por que á Deputación se lle esixen unhas cuestións e a SUPLUSA outras?. Quizais sexa a Xunta do PP a quen ten que aclarar por que chamou por teléfono a funcionarios desta Deputación dicíndolles que retirase a solicitude de PIA da residencia de Castroverde para poder concederlla a SUPLUSA”, subliñou Santos Ramos.

Exit mobile version