Nos vindeiros días publicaranse en http://benempregado.deputacionlugo.org/ e no taboleiro de anuncios da Deputación as puntuacións acadadas nas entrevistas e a listaxe definitiva dos lucenses seleccionados que se incorporarán aos 185 novos empregos nas próximas semanas. Todos estes beneficiados estarán un ano contratados nas empresas e colectivos da provincia, pois o Goberno da Deputación asume os custos laborais de todos estes desempregados.
185 novos postos de traballo
Dos 1.340 aspirantes a estes novos empregos xerados polo Goberno da Deputación co Ben Empregado 4, máis social, son 1.157 persoas as que concorreron á liña A1, na que 127 empresas buscan outros tantos perfís de diversas profesións. O Executivo Provincial financiará ao 50% os custos laborais dos traballadores durante un ano.
Outros 264 lucenses concorren á liña B1, dirixida a persoas con capacidades diferentes ou en risco de exclusión social. Neste caso, 19 empresas ofrecen 19 empregos. No caso dos beneficiados desta liña, o Goberno da Deputación financiará ao 100% os custos salariais destes profesionais, fomentando a igualdade de oportunidades.
E por último, para a liña 2 foron 650 demandantes de emprego os que optaron aos 39 postos de traballo que demandan outros tantos colectivos sen ánimo de lucro da provincia e que recibirán o 90% da axuda da Deputación.