Site icon Crónica3.com A Mariña

Máis de 500 maiores participarán no día do xubilado de Cervo que terá lugar o 1 de maio

Cervo, 25 de abril de 2018.- A edil de Servizos Sociais, Pilar Armada, anunciou hoxe o programa de actos que hai disposto con motivo do XXXV Día do Xubilado, que terá lugar o vindeiro martes, 1 de maio.
Armada avanzou que a día de hoxe “máis de 500 veciños e veciñas xa se anotaron para participar nesta xornada de convivencia que pretende ser unha homenaxe ao importante labor desenvolvido polos nosos maiores tanto no pasado como no presente”.
A edil comunicou que desde o Concello fletaremos autobuses que pasarán ás 11:30 horas da mañá por todas as paradas das parroquias para recoller ás persoas asistentes.
A xornada comezará ás 12:00 horas, cunha misa cantada pola Coral Terramar no Pavillón da Veiga, “que xa estamos acondicionando para a ocasión”. A continuación, os asistentes desprazaranse ata a carpa instalada na Praza dos Campos onde poderán asistir á sesión vermú a cargo do grupo Alma Latina, que volverá coller o testigo ao remate do xantar.
Ese mesmo día, tal e como recordou Armada, entregaranse os trofeos do campionato de tute e parchís que se está a xogar estes días na Casa do Mar de San Cibrao, no que participan unha vintena de parellas (12 xogan ao tute e 10 ao parchís).

Exit mobile version