Site icon Crónica3.com A Mariña

Musicoterapia, estimulación cognitiva e logopedia para 28 lucenses con párkinson grazas á Deputación e Concello

Lugo, 16 de abril de 2018. A Deputada de Benestar e Igualdade, Sonsoles López Izquierdo, acompañada da Presidenta e do Secretario da Asociación de Parkinson de Lugo (APALU), Rosa Mª Fariñas e Cayetano Burrieza, mantivo este martes un encontro con usuarios deste colectivo. Fíxoo para coñecer de primeira man o resultado das diferentes colaboracións que os Gobernos Provincial e Municipal manteñen con esta asociación e que permiten a atención profesional de 28 lucenses con Parkinson.

Deputación e Concello de Lugo colaboran con APALU coa cesión gratuíta do local que posúe o colectivo na capital lucense por parte do Concello de Lugo; cunha achega económica anual de máis de 4.000 euros que posibilitan o desenvolvemento por parte dos usuarios de APALU de clases estimulación cognitiva, logopedia e musicoterapia; así como a compra de material especializado como quebracabezas, cadernos, etc. Actualmente APALU conta no seu persoal cunha fisioterapeuta, unha logopeda e unha psicóloga.

López Izquierdo destacou que “con esta axuda, dende o Executivo Provincial, queremos que a progresión da enfermidade e a intensidade da mesma sexa moito máis baixa, pois as terapias de rehabilitación para as persoas con Parkinson son fundamentais para poder frear os síntomas e as molestias. Dende os Gobernos da Deputación e do Concello de Lugo traballamos da man con APALU, para que xuntos, melloremos a calidade de vida dunha trintena de lucenses con párkinson, dentro da nosa aposta conxunta e decidida por ser dúas institucións sumamente socias que traballan co tecido asociativo lucense para aumentar o benestar dos nosos veciños.”

O censo, unha vella demanda
“Aínda que se estiman en máis de 160.000 as persoas afectadas polo párkinson en España e máis de 2.000 na nosa provincia, non existen cifras concretas, o que supón a limitación na execución de políticas eficaces acordes aos perfís dos afectados. Por iso, é fundamental que o Goberno Central e a Xunta de Galicia, coas competencias directas en materia de saúde, creen un censo de persoas con párkinson, e deste xeito se protexan os dereitos de todas estas familias que o único que solicitan é contar coas mesmas oportunidades. Non pode ser que a segunda enfermidade que máis casos posúe despois do alzheimer non conte con datos oficiais” apuntou a Deputada de Benestar.

O Parkinson é unha enfermidade neurodexenerativa, de progresión lenta, cuxos principais síntomas son tremor, lentitude nos movementos, inestabilidade postural e rixidez dos músculos. É unha doenza crónica e progresiva das estruturas cerebrais encargadas da coordinación do movemento, o equilibrio, o mantemento do ton muscular e a postura. Na actualidade se descoñecen as causas que motivan a aparición da enfermidade do Parkinson e como consecuencia a súa cura, pero según a Sociedade Española de Neuroloxía estímase que se duplicará o número de afectados por Parkinson en 20 anos, e para o 2050 se triplicará.

10 anos atendendo a lucenses con Parkinson
APALU leva dende o ano 2008 mellorando o benestar e a calidade de vida dos veciños da provincia afectados polo párkinson e as súas familias. Esta entidade sen ánimo de lucro, que conta a día de hoxe con 140 socios, ofrece atención integral e interdisciplinar, información e tratamentos relacionados coa doenza, asesoramento médico, psicolóxico e legal, concienciar da necesidade dun diagnóstico correcto dende o principio, fomentar a relación social entre pacientes, así como defender os intereses dos enfermos e sensibilizar á sociedade sobre a problemática desta enfermidade.

Exit mobile version