Lugo, 10 de abril de 2018.- “Ningunha persoa que vota co Partido Popular en contra dos intereses dos lucenses e, de xeito significativo, en contra dos intereses dos maiores da nosa provincia; unha persoa á que se lle ofreceu levar a xestión dos centros da terceira idade de xeito legal dende a Vicepresidencia e non de xeito irregular dende SUPLUSA, á que lle demos todas as oportunidades posibles para traballar conxuntamente polas persoas e non quere facelo; e que chega a votar co PP un acordo manifestamente ilegal; ten cabida neste Goberno da Deputación”.
Así o apuntou este martes o Presidente Socialista do organismo provincial, Darío Campos Conde, avanzando o cese de Manuel Martínez. Fíxoo logo do Pleno Extraordinario no que Manuel Martínez votou co PP a favor dun acordo que propuxeron os populares que é “manifestamente ilegal”. Así o recollen os cinco informes presentados pola Secretaria Xeral da Deputación, Asesoría Xurídica, Intervención, Contratación e Benestar.
A preguntas dos xornalistas, o voceiro do Goberno Provincial Socialista e Secretario Xeral do PSOE na Provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos, destacou que “o Presidente conta coa meu apoio persoal e do Partido Socialista en todos os niveis para a dirección, xestión ou presidencia da Deputación de Lugo. O partido pronunciarase ao respecto e adoptará as medidas oportunas nos órganos correspondentes e cos compañeiros, de xeito interno. Non imos a participar no interese dalgúns de espectacularizar as cuestións que afectan ao PSOE. O que preocupa aos lucenses é o funcionamento das residencias”.