Site icon Crónica3.com A Mariña

O 23 de abril serán entregados 40 composteiros aos veciños e veciñas de Burela que participan no programa de compostaxe doméstica. O obxectivo da campaña é reducir a produción de lixo no ámbito familiar

Burela, 19 de abril de 2018. O vindeiro luns, 23 de abril, ás 19 horas no Salón de Conferencias (antiga biblioteca de Burela), terá lugar a entrega de composteiros aos veciños e veciñas apuntados no programa de compostaxe doméstica. Ademais recibirán un manual de uso e unha charla na que se lles explicará todo o referente ao uso do composteiro.
A concelleira de Medio Ambiente, Noelia Mª Ben, explica que “Sogama, tras a solicitude do Concello de Burela, entregounos outros 40 composteiros domésticos para que fosen distribuídos entre as vivendas unifamiliares que dispoñan de terreo (horta, xardín ou terra de cultivo) no que aplicar o compost resultante”.
As monitoras de Gaia serán as encargadas de realizar o seguimento porta a porta, permitindo así despexar dúbidas e corrixir posibles erros no proceso.
A edil burelesa engade que “o obxectivo desta campaña non é outro que reducir a produción de lixo no ámbito familiar, e polo tanto, reducir as emisións de CO₂ á atmosfera. En total, tras esta entrega, serán xa 134 os composteiros entregados aos veciños e veciñas de Burela, subministrados por Sogama”.

Exit mobile version