Site icon Crónica3.com A Mariña

O 31 de maio remata o período voluntario para que os donos de montes próximos ás vivendas os limpen e deixen faixas de protección de 50 metros arredor das casas e dos núcleos rurais. O Alcalde de Ribadeo fai unha chamada á veciñanza para que cumpran coa lei de incendios de Galicia e insiste en que “non o deixen para o final”.

Ribadeo, 23 de abril de 2018. O alcalde, Fernando Suárez, insiste en que o 31 de maio remata o período voluntario para que os propietarios de montes próximos ás vivendas os desbrocen, co obxectivo de que existan unhas faixas de protección de 50 metros arredor das casas ou dos núcleos rurais. O rexedor insiste en que cando chegue o calor e os incendios forestais “non queremos lamentarnos porque a vexetación chegue ás portas das casas, témolo que evitar”. Suárez Barcia recoñece que moitos veciños xa están a cumprir coa lei de incendios de Galicia e anima ao resto a facelo tamén canto antes. E lembra que, tras dúas comunicacións oficiais, o Concello segue agardando pola resposta da Xunta de Galicia.
O rexedor ribadense manifestou que “o tempo vai pasando e os propietarios teñen que cumprir coa norma que leva vixente desde hai máis de dez anos, e que non queremos que en Ribadeo cando veña a época de perigos, de seca e de calor, teñamos que lamentarnos porque a vexetación, especialmente os eucaliptos, cheguen ás portas das casas e que isto poida supoñer un perigo, témolo que evitar”.
Fernando Suárez dixo que “estamos servindo de modelo de actuación para moita outra xente, para moitos outros concellos, que tampouco pretendemos ser modelo de nada. O único que queremos e o único que pretendemos é que os propietarios dos montes en Ribadeo cumpran coas normas que están establecidas desde hai moitos anos. Sabemos que o están a facer moitos deles, como se pode ver a día de hoxe, como moita xente xa está cortando ou mandando cortar todas esas faixas de protección arredor das casas tal e como marcan as normas”.
O alcalde lembrou que “sabemos que aínda estamos en período voluntario dado que este remata o 31 de maio, remata a finais do mes que ven. Pero por iso queremos advertir, agora que estamos en prazo, que non o deixen para última hora, que non o deixen para o final, que logo non van poder atopar madeiristas dispoñibles porque van estar saturados con outros encargos”.
Suárez Barcia sinalou que “vemos que hai algunha outra xente que quere cumprir as normas, pero algunha dela está recelosa de se o fai o veciño tamén. A nosa opinión é que cada un atenda o seu, que cada un actúe como marca a norma e logo os que non o fagan xa se encargará a administración de que se cumpra a lei por unha vía máis amigable ou por unha vía máis coercitiva”.
O rexedor de Ribadeo subliñou que “hai unha serie de propietarios aos que non puidemos notificar en período voluntario a día de hoxe porque non nos constan os datos correctos, ou porque non os teñen ben no catastro ou porque non están empadroados en Ribadeo. Para resolver isto nos vindeiros días publicarémolo no taboleiro dixital único para que logo non vaia coller por sorpresa a ninguén”.
Fernando Súarez insistiu en que “levamos xa dúas comunicacións directas ao presidente da Xunta para que nos axuden a identificar que propietarios non cumpriron a partir do mes de xuño, e ata o momento de hoxe ninguén da Xunta se dirixiu a nós. E lle digo á Xunta o mesmo que lle estou dicindo aos propietarios, non o deixen para o último momento. Aquí, por unha cousa ou por outra, imos ver dentro de ben pouco quen está preocupado de verdade polos lumes e a quen lle queima isto nas mans”.
Barcia agarda “e agardamos desde o goberno municipal de Ribadeo que a Xunta cumpra a súa propia lei e coordine con nosoutros o requerimento, que dentro da legalidade e en función da propia lei, lle estamos esixindo”.

Exit mobile version